saltar ao contido

O Parlamento de Galicia conmemora os 100 anos da súa sede

• A presidenta da Cámara, Pilar Rojo destaca a “influencia decisiva” do edificio no seu contorno e no conxunto da trama urbana de Santiago

• O Pazo do Hórreo, inaugurado o 2 de outubro de 1915 para albergar unha Escola de Veterinaria, co paso do tempo “acabou revelándose como unha obra funcional e versátil” que respondeu satisfactoriamente aos diferentes usos que acolleu
 
• O Parlamento de Galicia ten a súa sede oficial e definitiva no Pazo do Hórreo desde o ano 1989.
 
Santiago, 2 de outubro de 2015.- Tal día como hoxe, hai 100 anos, o Pazo do Hórreo, actual sede do Parlamento de Galicia, foi inaugurado para albergar unha Escola de Veterinaria. A efeméride foi recordada cunha xornada conmemorativa inaugurada pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que expertos de diferentes ámbitos abordaron cuestións relacionadas coa historia, a arquitectura e os diferentes usos do edificio durante este tempo.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo lembrou que o edificio foi impulsado por Eugenio Montero Ríos e apuntou  que o século transcorrido desde a inauguración do mesmo  acredita a “influencia decisiva que esta construción ten exercido sobre o seu contorno inmediato, pero tamén sobre o conxunto da trama urbana de Santiago de Compostela”.
 
Tres usos diferentes: docente, militar e institucional
 
Rojo Noguera apuntou tamén que 100 anos despois de inaugurado, o edificio conserva a súa estrutura inicial e sen ter sido sometido a grandes reformas “foi quen de acoller satisfactoriamente tres usos diferentes: docente, militar e institucional”.
 
Así, o edificio inaugurado en 1915 para acoller unha Escola de Veterinaria pasou, desaparecida esta, ao Exército en 1925 e tivo uso militar ata a década dos oitenta do século pasado. Entre 1921 e 1924 compartiu sede coa Misión Biolóxica de Galicia.
 
No ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia. Logo foi sometido a un proceso de rehabilitación para adaptalo como sede do lexislativo galego. O Parlamento de Galicia ten a súa sede oficial e definitiva no
Pazo do Hórreo desde o ano 1989.
 
Programa
 
Despois das intervencións inaugurais da Xornada a cargo da presidenta do Parlamento e do vicepresidente da Xunta tomou a palabra o catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que disertou sobre Eugenio Montero Ríos e a Galicia do seu tempo. Montero Ríos foi o impulsor da construción do edificio da Escola de Veterinaria. De seguido, José Ramón Soraluce Blond, catedrático de Composición Arquitectónica da Universidade da Coruña, falou sobre O pazo do Hórreo, arquitectura e autores.
 
Posteriormente desenvolveuse unha mesa redonda moderada por Xosé Luis Barreiro Rivas, profesor de Ciencias Políticas da USC, na que se analizaron os diferentes usos do usos do edificio ao longo da súa historia. Contou coa participación de Diego Conde Gómez, da Asociación de Historia da Veterinaria en Galicia (HISVEGA), que analizou o uso do edificio como Escola de Veterinaria; Juan Rodríguez Villasante, coronel de Intendencia retirado e membro do ICOMOS, que disertou sobre a utilización do edificio como cuartel militar; e Tomás Pérez Vidal, expresidente do Parlamento de Galicia, que se centrou no uso do Pazo do Hórreo como sede do Lexislativo galego.
 
Exposición
 
Coincidindo coa celebración da xornada, no pazo do Hórreo pode visitarse unha pequena exposición integrada por paneis explicativos sobre as orixes do edificio a partir de diverso material, algún cedido polo Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol; reproduccións de informacións publicadas sobre a inauguración; e material clínico e publicacións cedidas temporalmente polo Museo de Veterinaria Militar e polo Colexio  de Veterinarios da Coruña.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina