saltar ao contido

Pilar Rojo considera unha "obriga" coñecer o pensamento e o labor de Ramón Piñeiro, "con Galicia como único obxectivo"

· Participou, no Consello da Cultura Galega, na presentación do libro Ramón Piñeiro. Fotobiografía, editado coa colaboración do Parlamento e outras institucións.

Santiago, 10 de decembro de 2015.-  Se coñecer a Ramón Piñeiro foi un "privilexio" para os que tiveron esa sorte, "coñecer o seu pensamento, o seu labor, o seu traballo arreo, teimudo, ético, con Galicia como único obxectivo ata o fin da súa vida, é unha obriga para todos". Así o afirmou este mediodía a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na presentación do libro Ramón Piñeiro. Fotobiografía, editado por Galaxia coa colaboración da Xunta, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol.
 
A xuízo de Rojo Noguera, "o proxecto de galeguizar Galicia" impulsado por Piñeiro, "ten que servirnos de faro que ilumine o noso camiño aos que hoxe estamos na política, na cultura, a cantos, en suma, integramos a sociedade galega".
 
Galicia, o primeiro
 
Recordou Pilar Rojo que Ramón Piñeiro foi un "activo parlamentario" na primeira lexislatura da Cámara galega, entre decembro de 1981 e outubro de 1985. "Os feitos acreditan que para Piñeiro, como para tantos outros, Galicia era o primeiro", agregou.
 
"Na Galicia que agromaba despois de noites escuras moitas cousas foron feitas ou inspiradas por Piñeiro. Sigamos, pois, ese camiño lembrando sempre o seu pensamento e o seu exemplo", dixo a presidenta do Parlamento galego.
 
A presentación da fotobiografía de Ramón Piñeiro, "un novo exemplo de colaboración entre institucións",  tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega no marco dunhas xornadas organizadas para conmemorar o centenario do seu nacemento e tamén o do lingüista vasco Koldo Mitxelena, amigo de Piñeiro. Estas xornadas son unha continuación dun curso de verán realizado en Donostia o pasado mes de setembro.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina