saltar ao contido

Pilar Rojo reitera que os camiños de Santiago son “símbolos de europeísmo, de progreso e de solidariedade”

 
• A presidenta do Parlamento exerce como delegada rexia na Ofrenda da Traslación, na que denunciou a persecución que sofren algúns cristianos polo feito de selo, a discriminación da muller e a situación dos refuxiados
 
• Fronte a ameaza terrorista, a resposta “debe ser a unidade e o consenso, a construción dun reflexionado equilibrio entre seguridade e liberdade”

Santiago, 30 de decembro de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, exerceu hoxe como delegada rexia na Ofrenda da Traslación, unha celebración que conmemora o traslado dos restos do Apóstolo Santiago e que “funde as súas raíces na historia máis íntima e esencial de España e de Galicia”.  “Unha historia –dixo- que permitiu forxar a nosa identidade, os nosos costumes e as nosas crenzas e que, polo tanto, debemos respectar e honrar”.
 
Na ofrenda presentada en representación da Súa Maxestade o Rei no transcurso dunha cerimonia celebrada na Catedral de Santiago, Pilar Rojo subliñou que o templo compostelano “é testemuña da construción de Europa e da forxa espiritual de milleiros de peregrinos que viñeron ata os seus muros con devoción”.
 
Débeda co fenómeno xacobeo
 
Agregou Rojo Noguera que “o Camiño, ou mellor dito, os camiños, son símbolos de europeísmo, de progreso e de solidariedade”. “Temos, polo tanto, unha débeda co fenómeno xacobeo, que non hai nunca que esquecer, tampouco por parte dos poderes públicos”.

Referíndose á situación que atravesa a sociedade actual, a delegada rexia afirmou que “vivimos momentos de axitación, onde a escuridade do radicalismo pugna contra a luz da liberdade”. Sinalou que “a liberdade relixiosa non pode verse vulnerada por interpretacións violentas de certas ideas, interpretacións que particularmente agreden aos cristianos”.
Ao seu xuízo, esta situación “fainos retroceder dezasete séculos da nosa historia  e vulnera as bases máis elementais do estado de dereito”.
 
Discriminación da muller
 
“De igual forma, é inadmisible que persista a discriminación da muller, reducida en ocasións a mero obxecto e privada de individualidade”, afirmou Pilar Rojo, que insistiu en que “a titularidade dos dereitos non pode supeditarse á condición do sexo da persoa”. “Esta cuestión parécenos elemental, pero resístese de maneira importante en moitos lugares para vergonza do xénero humano”.
 
Refuxiados
 
Lembrou tamén a delegada rexia na súa invocación aos refuxiados que fuxen das zonas de guerra e de conflito, “persoas nunha especial situación de vulnerabilidade, obxecto desexado polas mafias e o crime organizado”. Para eles -e particularmente para os nenos e nenas “os máis débiles e os máis necesitados entre os refuxiados- reclamou articular os procedementos e a axuda necesarios “desde a xenerosidade e a solidariedade”.
 
Agradeceu, nesta liña, o traballo que desenvolven as institucións públicas, pero tamén entidades do terceiro sector e da sociedade civil. “O seu compromiso coas persoas resulta reconfortante no medio de tantas traxedias persoais e familiares”, afirmou Pilar Rojo.
 
Recordou a presidenta do Parlamento de Galicia que o terrorismo se ten convertido nunha lacra do século XXI, pero apuntou que a “vella Europa” ten superado outras versións do mesmo en épocas anteriores “desde o estado de dereito e desde a unión entre as forzas do ben”. Amosouse convencida de que “volveremos triunfar ante as renovadas agresións á nosa forma de convivencia; non nos derrotarán porque a verdade e a razón pertence aos demócratas”.
 
Unidade e consenso fronte ao terrorismo
 
A resposta ao terrorismo “debe ser a unidade e o consenso; a construción dun reflexionado equilibrio entre seguridade e liberdade, que axude a protexernos, pero ao mesmo tempo salvagarde o contido esencial dos nosos dereitos fundamentais”.
 
“Enfrontarnos aos que só buscan difundir o terror obriga a procurar solucións eficaces, pero sen abandonar as esixencias da tolerancia e mostrar, así, a nosa superioridade moral con relación aos asasinos intransixentes”, sinalou a titular do Lexislativo galego.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina