saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de febreiro de 2016


4.1 32068 (09/PNP-002330)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel, e sete deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa adherencia ao tratamento farmacolóxico en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 410, do 05.02.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir a traballar na mellora da adherencia terapéutica e a levar a cabo estudos sobre o nivel dela en Galicia que non se centren unicamente na recollida ou toma da medicación senón tamén que poidan medir o seguimento doutras recomendacións en materia de saúde (exercicio, alimentación,…) que teñen un peso tamén moi relevante.»

4.4 44372 (09/PNP-003226)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Romero Fernández, Cristina Isabel, e sete deputados/as máis
Sobre a posta en marcha polo Goberno galego dun programa de mercados no Camiño de Santiago
Publicación da iniciativa, BOPG nº 564, do 02.12.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a pór en marcha un programa de mercados no Camiño que sexa capaz de aproveitar as oportunidades que o Camiño de Santiago pode xerar para a economía galega en xeral e para os pequenos produtores e as persoas comerciantes das prazas de abastos e mercados dos concellos polos que transcorre en particular.»
 
4.7 45615 (09/PNP-003298)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Méndez Romeu, José Luis, e dous deputados/as máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da realización das modificacións normativas necesarias para permitir a compatibilidade da percepción das pensións coas derivadas dos dereitos de autor
Publicación da iniciativa, BOPG nº 590, do 27.01.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
 
1. A modificación normativa necesaria para permitir a compatibilidade da percepción das pensións coas derivadas dos dereitos de autor.
 
2. Abordar coas organización representativas do sector e coas entidades de xestión dos dereitos de autor un ‘estatuto do creador/a’ que teña en conta os diferentes tipos de situacións profesionais e os correspondentes mecanismos de protección social como salvagarda dos dereitos das creadoras e dos creadores.»
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina