saltar ao contido

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia avoga por unha “solución política liderada pola ONU” para poñer fin ao conflito do Sáhara

 
• Representantes de 11 parlamentos autonómicos españois participan na “XX Conferencia  dos intergrupos parlamentarios ‘Paz e Liberdade para o pobo saharauí’” que se celebra hoxe na Cámara galega
 
Santiago, 5 de marzo de 2016.- A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe, na inauguración da “XX Conferencia  dos intergrupos parlamentarios ‘Paz e Liberdade para o pobo saharauí’”, que se celebra na Cámara galega, que “todos compartimos o desexo de un futuro de paz e oportunidades” para o pobo do Sáhara Occidental.
 
Rodríguez Arias avogou por “un futuro que pode e debe descorrer da man dunha solución política liderada pola ONU, aceptada polas partes implicadas no conflito e que desemboque na libre determinación” do pobo saharauí.
Considera a vicepresidenta da Cámara lexislativa galega que España debe aproveitar as tradicionais relacións de boa veciñanza con Marrocos para “contribuír a que o conflito do Sáhara Occidental   se solucione de maneira satisfactoria”.
 
Recordou tamén tamén Rodríguez Arias as duras condicións de vida dos refuxiados saharauís, que “seguen precisando na nosa atención e axuda: a cooperación oficial, pero tamén a cooperación canalizada a través das diferentes organizacións non gobernamentais”.
 
A XX Conferencia dos Intergrupos Parlamentarios ‘Paz e Liberdade para o Pobo Saharauí’” reuniu hoxe na sede do Parlamento de Galicia a representantes de 11 parlamentos autonómicos españois: Cortes de Castela-A Mancha, Parlamento de Navarra, Parlamento Vasco, Parlamento de Cantabria, Parlamento de Canarias, Cortes de Castela e León, Cortes de Aragón, Cortes Valencianas, Asemblea de Madrid, Asemblea de Murcia e Parlamento de Galicia.
 
No acto inaugural, ademais da vicepresidenta do Parlamento, tomou tamén a palabra o coordinador dos Intergrupos e deputado do Parlamento Vasco, Carmelo Barrio Baroja.
 
Axuda humanitaria
 
De seguido, na primeira sesión de traballo da Conferencia, o  director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo,  destacou que a celebración desta Conferencia é o marco idóneo para poñer en valor o compromiso do Goberno galego coa poboación saharauí, un compromiso que se ven demostrando desde hai xa once anos a través do envío continuado de axuda humanitaria aos Campamentos de Refuxiados Saharauís, en forma fundamentalmente de axuda alimentaria, do envío de material material médico e sanitario e do financiamento das “comisións médicas” que achegan a Galicia a testemuña directa da realidade nos campamentos a través do persoal sanitario trasladado.
 
Ese compromiso é a razón de que a poboación dos Campamentos Saharauís tivera sempre a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega. No cómputo xeral, a Cooperación Galega destinou nos últimos anos un total de 911.509,70 euros ao financiamento de actividades nos Campamentos saharauís, fundamentalmente no ámbito da axuda sanitaria e  de emerxencia alimentaria, aínda que tamén se financiaron proxectos de enerxía renovable, segundo Gamallo.
 
Programa

 
Nesta primeira sesión de traballo, tamén participou o delegado saharauí en Galicia, Habibulah Mohamed; e a representante das asociacións galegas de amigos e amigas do Pobo Saharauí, Maite Isla Avión.
 
Esta mesma mañá, na segunda sesión de traballo, interviñeron o presidente de la Federación Estatal de Institucións Solidarias co Sáhara, Carmelo Ramírez Marrero; o presidente da Asociación Internacional de Xuristas polo Sáhara Occidental, Felipe Briones Vivas; e a delegada da RASD en España, Jira Balahi.
 
Xa pola tarde, os participantes nesta Conferencia abordaron as actividades a desenvolver polos Intergrupos parlamentarios durante o ano 2016 e a coordinación dos mesmos. Tamén elaboraron un documento de conclusións.
 
Declaración
 
Para consultar a Declaración da "XX Conferencia dos Intergrupos parlamentarios 'Paz e liberdade no Sáhara Occidental'", celebrada hoxe no Parlamento de Galicia  prema no seguinte enlace:
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina