• O presidente do Parlamento reuniuse esta mañá co equipo directivo da Asociación de ex deputados/as para implicalos na divulgación desta ferramenta entre o alumnado que participa no ciclo de charlas-coloquio sobre a Cámara galega
• Esta nova ferramenta permite remitir preguntas dirixidas á Xunta de Galicia, exercer o dereito de petición ante o Parlamento e participar na elaboración das leis en tramitación
• Tamén ofrece información sobre outras posibilidades contempladas na lei de Iniciativa lexislativa popular e participación cidadá
Santiago, 28 de marzo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, reuniuse esta mañá co equipo directivo da Asociación de ex parlamentarios/as da Cámara galega, para solicitarlles que colaboren na difusión da plataforma de participación cidadá do Parlamento entre a mocidade galega a través do ciclo de charlas divulgativas dirixidas ao estudantado de secundaria e bacharelato.
Santalices convidou aos exdeputados a que expliquen estas modalidades de participación, e a posibilidade de facelo a través da web, aos mozos e mozas que asistan ao ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento e que son impartidas por ex deputados/as a alumnado de ESO e bacharelato de toda Galicia.
Considera Santalices Vieira que o mellor xeito de impulsar esta plataforma de participación é dándoa a coñecer entre a xuventuxe. Por esta razón, o Parlamento quere aproveitar o potencial de difusión das charlas coloquio dirixidas ao alumnado de secundaria e bacharelato, que cada novo curso rexistran unha maior demanda por parte dos centros interesados en acoller este tipo de actividades divulgativas.
Na reunión co presidente do Parlamento participaron o presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as, Jesús María Fernández Rosende; e os vogais Ismael Rego González e Xesús Veiga Buxán.
Á posibilidade de enviar propostas, comentarios e suxestións aos textos lexislativos que se atopan en tramitación na Cámara galega (Lexisla con Nós), súmase agora a modalidade de participación popular no control ao Goberno.
Preguntas ao Goberno
A través dun formulario dispoñible neste espazo web, calquera persoa poderá dirixir preguntas ao Parlamento de Galicia co rogo de que sexan formuladas á Xunta de Galicia. As preguntas admitidas anunciaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Nun prazo de quince días, contados desde o seguinte ao da súa publicación, os deputados e deputadas poderán asumilas como propias para convertelas en preguntas con resposta escrita ou oral, mencionando a súa orixe, aínda que preservando a identidade da persoa asinante.
Exercer o dereito de petición ante do Parlamento de Galicia é outras das posibilidades que ofrece o novo espazo habilitado na web da institución. Deste xeito, calquera persoa pode exercer o dereito de petición, de xeito individual ou colectivo.
Outras fórmulas de participación
Ademais a web da Cámara ofrece información exhaustiva sobre as restantes fórmulas contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.
Coa entrada en vigor desta lei, Galicia converteuse nunha das comunidades nas que máis doado resulta exercer a iniciativa lexislativa popular. Para presentar ante o Parlamento de Galicia unha proposición de lei de iniciativa popular abonda con esta vaia acompañada de polos menos 10.000 sinaturas (anteriormente requeríanse 15.000).
A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia tamén contempla o impulso da acción de Goberno a través de proposicións non de lei. Neste caso, calquera persoa coa súa sinatura e a doutras nove, ou calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, poderá promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.
O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500. De seren admitidas, estas proposicións non de lei poderán ser asumidas por calquera grupo parlamentario para convertelas en proposición non de lei en pleno ou en comisión. Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando a identidade das persoas asinantes. As proposicións non de lei admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún grupo parlamentario decaerán transcorridos quince días tras o seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.