saltar ao contido

O presidente do Parlamento explica a web de participación cidadá a alumnado do IES Otero Pedraio de Ourense


 
• Anima á comunidade educativa a participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia e a coñecer e utilizar a web de participación
 
• A actividade enmárcase no ciclo de organizado coa colaboración da Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia
 
Ourense, 31 de marzo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía  nunha charla-coloquio con alumnado do IES Otero Pedraio de Ourense, na que os convidou a utilizar as diferentes ferramentas que a Cámara galega pon a disposición dos máis novos, desde as visitas guiadas á sede da institución ata o espazo web de participación cidadá posto en marcha o pasado luns ao abeiro da recente lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.
 
Santalices Vieira alentou aos estudantes que participaron na charla a coñecer e e facer uso da ferramenta de participación cidadá, pensada para que os galegos e galegas “se impliquen activamente”, ao tempo que se amosou convencido de que “seredes vós, os mozos e mozas, os principais usuarios dela”.
 
Posibilidades de participación
 
Recordou que a web de participación cidadá do Parlamento permite participar na elaboración das leis que se atopan en tramitación na Cámara, pero tamén propoñer preguntas para que os grupos parlamentarios as trasladen á Xunta, ben en forma de pregunta oral, en Pleno ou en Comisión, ou como pregunta de resposta escrita.
 
A web de participación do Parlamento tamén permite, como explicou o presidente da Cámara, exercer o dereito de petición perante o Parlamento de Galicia, un dereito garantido na propia Constitución e que neste caso se canaliza a través da Comisión de Peticións.
 
Paralelamente, neste  espazo web tamén se ofrece información sobre outras formas de participación que, pola súa complexidade, se xestionan doutro xeito. É o caso das proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular (que deben ir respaldadas por 10.000 sinaturas, cando anteriormente se precisaban 15.000, o que converte a Galicia nunha das Comunidades nas que máis doado resulta unha tramitación deste tipo); e tamén da participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei (ata o de agora só as podían presentar os deputados, agora unha vez admitidas, deben estar respaldadas por 2.500 sinaturas).
 
“Asegúrovos, como deputado con experiencia, e como presidente da Cámara, que todas as achegas son benvidas e estudadas con interese, e que as portas do Parlamento están sempre abertas para quen queira achegarse a el e coñecelo”, subliñou Miguel Ángel Santalices Vieira ao reiterar a invitación formulada ao estudantado.
 
Visitas guiadas
 
Explicou o presidente do Lexislativo galego que a comunidade educativa ten a súa disposición un programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia que inclúe todo tipo de explicacións sobre o funcionamento da Cámara, e mesmo permite que os participantes se podan acoller a un desconto se efectúan ese desprazamento en ferrocarril. Animou ao estudantado a participar neste programa, no que as inscricións se poden efectuar por teléfono ou a través da páxina web do Parlamento.

Programa de charlas divulgativas
 
A charla divulgativa celebrada hoxe no IES Otero Pedraio de Ourense enmárcase nun ciclo organizado polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia.
 
Santalices recoñeceu que a iniciativa está a ser un éxito, pasando de 23 centros participantes no curso 2012-2013 a 50 no curso 2014-2015. No que vai do actual curso académico, son xa 58 os centros participantes.
 
Canda Santalices, participaron nesta iniciativa o presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; o vicepresidente da mesma, Alberte Xulio Rodríguez Feixóo; e o vogal Ismael Rego González. Foron presentados polo director do IES Otero Pedraio, Juan Antonio Saco Rivera.
 
 
 
 
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina