• Nesta primeira ocasión, as Medallas recoñecen a contribución dos homenaxeados á “consolidación da institución parlamentaria como peza clave da autonomía galega”
Santiago, 5 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia celebrará mañá mércores, 6 de abril, o 35 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia (Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril) co acto de entrega das súas medallas aos/as ex presidentes/as da Cámara.
Esta será a primeira ocasión na que o Parlamento de Galicia entregue as súas Medallas. A concesión foi acordada pola Mesa da Cámara na sesión do pasado 14 de marzo. Recibirán a distinción Antonio Rosón Pérez (a titulo póstumo), Tomás Pérez Vidal, Victorino Núñez Rodríguez (a título póstumo), José María García Leira, Dolores Villarino Santiago e Pilar Rojo Noguera.
No seu acordo, a Mesa do Parlamento valora o traballo desenvolvido polas persoas que ao longo dos 35 anos de historia da Cámara teñen desempeñado a Presidencia da institución. “Todas elas contribuíron á consolidación da institución parlamentaria como peza clave da autonomía galega, e a súa traxectoria, dedicación e bo facer ao fronte da Cámara as fan merecedoras da concesión, nunha data tan significativa, da Medalla do Parlamento de Galicia”, sinala a proposta de concesión.
A concesión das medallas súmase ás iniciativas encamiñadas a impulsar o papel central do Parlamento na vida política galega. E preténdese, ademais, poñer en valor os acordos acadados en sede parlamentaria.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.