O Campamento de protesta de L´Aiun foi levantado o pasado 9 de outubro a uns quilómetros da capital da antiga colonia española para protestar polas condicións de vida que sofre a poboación Saharaui e reivindicar o dereito á autodeterminación deste territorio ocupado por Marrocos en 1975 e inmerso nun longo, inxusto e actualmente paralizado proceso de descolonización.
Esta forma de protesta foi tamén iniciada noutras cidades como Dahla, Esmara ou Bohador, pero as autoridades marroquinas teñen desmantelado violentamente estos campamentos de protesta.
O pasado 24 de outubro, neste campamento preto de L´Aiun, o mozo saharaui Garhi Najem resultou morto e outras sete persoas foron feridas pola forzas represivas marroquinas, que dispararon con metralletas tentando impedir o traslado de comida, auga e medicamentos ao campamento no que se atopan máis de 15000 saharauis. Os feridos e o morto viaxaban, ao seren atacados, en dous vehículos preto do muro erguido ao redor do campamento polas autoridades marroquinas, un novo muro da vergonza.
Ante a gravidade dos últimos acontecementos, o Parlamento de Galicia:
- Condena os feitos que deron como resultado un morto e varios feridos.
- Demanda respecto aos dereitos humáns no Sahara Occidental e o compromiso cunha solución pacífica.
- Considera urxente que se poñan en práctica as diferentes resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas relativas ao dereito inalienable do pobo saharauí á súa autodeterminación e á súa liberdade e á paz.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2010