• Participou en Santiago na presentación do libro El guionista de la transición. Torcuato Fernández-Miranda, el profesor del Rey, ao que considerou unha “personalidade fundamental na historia política contemporánea de España”
Santiago, 9 de maio de 2016.- “Figuras como Torcuato Fernández-Miranda e tantos outros que, coas súas renuncias, cos seus erros e os seus acertos, coa súa predisposición para o diálogo e a súa capacidade de cesión, foron quen de edificar o réxime democrático que hoxe temos e que se traduciu na etapa de maior estabilidade e prosperidade de toda a historia contemporánea de España”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto de presentación do libro libro El guionista de la transición. Torcuato Fernández-Miranda, el profesor del Rey, obra do xornalista Juan Fernández-Miranda.
O volume foi presentado esta tarde no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago, nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia.
Santalices Vieira destacou que Fernández-Miranda é unha “personalidade fundamental na historia política contemporánea de España” e un dos “artífices principais do éxito da transición española que nos levou da ditadura franquista á monarquía parlamentaria”. “Aínda que ese papel determinante arranca en 1960 como profesor do entón Príncipe Don Juan Carlos, será como presidente das Cortes desde onde o protagonista do libro exercerá un papel tan decisivo como eficaz para desmontar a estrutura do réxime anterior”.
Débeda de gratitude
O presidente do Parlamento de Galicia expresou o seu recoñecemento a Fernández-Miranda, pero tamén a outros políticos da época, como Adolfo Suárez, o recentemente falecido Fernando Álvarez de Miranda ou os ponentes constitucionais. “Cos políticos de aquela época temos unha débeda de gratitude”, dixo, “ao igual que co Rei don Juan Carlos I que, no seu conxunto, protagonizou un reinado memorable que, estou seguro, co paso do tempo, a sociedade saberá recoñecer”.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.