saltar ao contido

O Parlamento acolle a entrega da XXIII Edición dos Premios de Publicidade en Galego


 
• A vicepresidenta primeira da Cámara, Marta Rodríguez Arias, anima a empresas e creativos a “seguir avanzando na senda galeguizadora” da publicidade

Santiago, 12 de maio de 2016.- A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, destacou esta tarde o avance rexistrado en materia de normalización do uso da lingua galega, “tamén na publicidade, onde o galego pasou de ter un papel residual a ir gañando presenza, paseniñamente, como podemos comprobar ano tras ano”.
 
Rodríguez Arias presidiu esta tarde, na sede do Parlamento, o acto de entrega da XXIII Edición dos Premios de Publicidade en Galego,  convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e da Corporación da RTVG, en funcións. Participou tamén no acto a vicesecretaria da Cámara, Concepción Burgo, e deputados dos grupos parlamentarios.
 
Galardoados
 
Nesta XXIII Edición dos Premios de Publicidade en Galego resultaron gañadores: na modalidade de Internet, o spot “Fai historia con nós” da Universidade de Vigo, elaborado pola axencia NASAS; en radio, a cuña “Estrella Galicia”, de Idea Creatividad y Comunicación; mentres na modalidade de televisión, o galardón correspondeu ao spot “En confianza” de Gadis, obra da axencia Bap&Conde.
 
A vicepresidenta da Cámara galega animou ás empresas, e de maneira especial aos creativos publicitarios, a “seguir avanzando na senda galeguizadora”, polo que lles pediu que aconsellen aos seus clientes o uso do galego nas campañas de publicidade.
 
Atribuíu a recuperación do galego a unha serie de factores entre os que destacou as persoas que o falan, os devanceiros que preservaron a lingua, os intelectuais, os medios de comunicación, o sistema educativo ou as institucións.
 
“Neste renacer do idioma, o Parlamento de Galicia, alicerce básico da nosa autonomía, xoga e xogou tamén un papel determinante por moitas razóns”, entre as que Rodríguez Arias se referiu á “capital importancia” da Lei de normalización lingüística, “á que debemos bos parte do prestixio, a difusión e a presenza social que o galego ten arestora”.
 
 
 
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina