saltar ao contido

O presidente do Parlamento anima a incrementar a concienciación social sobre o traballo infantil e a discriminación das nenas

- Incide no papel esencial da educación para incrementar as oportunidades da poboación infantil máis desfavorecida

- A Cámara galega acolleu un Pleno con escolares, organizado coa colaboración de Plan Internacional, no marco da súa campaña en defensa dos dereitos das nenas e a escasas datas do Día Internacional contra o Traballo Infantil

Santiago, 3 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía un Pleno con escolares, nas datas previas á celebración do Día Internacional contra o Traballo Infantil e organizado coa colaboración de Plan Internacional no marco da súa campaña global en defensa dos dereitos das nenas.

No acto, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, lamentou que o traballo infantil “sigue afectando, por desgraza, a millóns de nenos e nenas de todo o mundo” e animou aos presentes a facer memoria. Recordou, nesta liña que, “probablemente sen acadar o dramatismo que aínda hoxe presenta en países do terceiro mundo, onde algúns nenos e nenas viven e traballan en condicións inhumanas, que rozan a escravitude, na Galicia e na España da postguerra o traballo infantil aínda era unha realidade cotiá en amplos sectores”.

Fronte ás persoas que consideran que pouco ou nada se pode facer fronte a esta lacra -calcúlase que hai actualmente arredor de 200 millóns de nenos e nenas traballadores- o presidente do Parlamento de Galicia insistiu na necesidade de chamar a atención sobre a severidade deste problema e de contribuír desde as institucións a unha maior concienciación arredor de “realidades arrepiantes como o traballo infantil, a discriminación das nenas e tantos outros”.

Mais Santalices animou tamén a actuar desde o plano individual nunha dobre dirección. Por unha parte, exercendo a responsabilidade como consumidores para “evitar mercar calquera produto que teña sido elaborado con man de obra infantil”. Ao seu xuízo, “ás veces, o barato en termos económicos resulta absolutamente inaceptable desde a óptica ética e moral”. E tamén exercendo a solidariedade, colaborando coas diferentes organizacións que traballan sobre o terreo, especialmente as materia sanitaria e educativa, para que as nenas e os nenos que tiveron a desgraza de nacer en contextos menos favorables que o noso podan aceder a oportunidades que de cote se lles negan”.

A formación, garantía de éxito

O titular do Lexislativo galego chamou tamén a atención sobre a importancia da educación para superar as desigualdades e, citando datos de Plan Internacional, sinalou que un só ano extra de educación secundaria dunha nena aumentará entre un 10 e un 20% os seus ingresos cando sexa muller. Estes ingresos serán, nun 90%, investidos na súa familia e na súa comunidade. Pero ademais, por cada ano extra de educación dunha nai redúcese a mortalidade infantil dos seus fillos entre un 5 e un 10%.

Á vista destes datos, Santalices Vieira animou aos nenos e nenas que hoxe tomaron parte no Pleno infantil da Cámara a aproveitar o seu período formativo porque, na súa opinión, “unha boa formación é a mellor garantía de éxito na vida adulta; garantía de éxito profesional, e garantía tamén de éxito persoal”.
O acto foi clausurado polo presidente da Xunta e contou tamén coa intervención de representantes do grupos parlamentarios, a directora de Plan Internacional e unha nena que forma parte do comité asesor xuvenil de Plan Internacional. Asistiron a esta sesión un grupo de preto de 60 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Nantes, de Sanxenxo, acompañados de profesorado do centro.
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina