• Celebrarase o vindeiro 1 de xullo na sede do lexislativo galego e contará coa participación de expertos do mundo do dereito, a comunicación e os movementos sociais
Santiago, 27 de xuño de 2016.- “O Parlamento ante o reto da participación cidadá” é o título dunha xornada que se celebrará o vindeiro venres, 1 de xullo, na sede do Lexislativo galego co obxectivo de analizar as novas posibilidades derivadas da entrada en vigor da Lei 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, que converteu a Galicia nunha das Comunidades máis avanzadas nesta materia.
A xornada será inaugurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estará acompañado polo coordinador da actividade, o profesor José Julio Fernández Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela.
De seguido, Roberto L. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciará un relatorio titulado “Sistema representativo e a crise da democracia de partidos”. A xornada continuará coa intervención do profesor Miguel Pérez-Moneo, da Universidade de Barcelona, que disertará sobre “O Parlamento 3.0”.
Logo destes relatorios celebrarase unha mesa redonda na que se analizará “A visión da cidadanía”, moderada por José Julio Fernández Rodríguez e na que intervirán Miriam Garabito Cociñas, presidenta de UNICEF Galicia; Susana López Carbia, xornalista; Noela Rey Méndez, experta en comunicación e redes sociais; e Luis Barreiro Carballal, activista social e doutor en Dereito.
A xornada rematará coa “Presentación dos novos instrumentos de participación no Parlamento de Galicia” por parte do letrado oficial maior da Cámara galega, Xosé Antón Sarmiento Méndez.
Inscricións
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.