saltar ao contido

O ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento chegou o pasado curso a 58 centros de secundaria

 
 
• A demanda desta actividade por parte dos centros medra cada curso e practicamente se triplicou desde a súa primeira edición
 
• O presidente do Parlamento agradece a colaboración dos exdeputados/as para facer posible esta iniciativa, e convida aos aos centros educativos a seguir organizando actividades deste tipo
 
Santiago, 10 de xullo de 2016.- O programa de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato chegou no pasado curso escolar 2015-2016 a un total de 58 centros educativos de toda a Comunidade Autónoma, o que pon de manifesto o crecente interese que suscita esta actividade.
 
Esta iniciativa foi posta en marcha polo Parlamento de Galicia no ano 2011 coa colaboración da Asociación de Exparlamentarios/as, xa que nestas charlas adoita participar un exdeputado de cada unha das forzas políticas representadas na Cámara, buscando así a pluralidade ideolóxica, pero tamén unha certa distancia respecto ao debate político de actualidade.
 
Cada unha destas charlas comeza, habitualmente, coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, seguido de cadansúa intervención inicial dos exdeputados participantes e un colquio con preguntas e opinións do estudantado.
 

Estratexia de divulgación do Parlamento
 
A celebración destas charlas divulgativas enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia que ofrece tamén, entre outras, un programa de visitas guiadas á sede do poder lexislativo galego, así como bibliografía dirixida específicamente ao estudantado.
 
A crecemente aceptación desta actividade por parte dos centros educativos ponse de manifesto ao comparar a evolución numérica das mesmas: das 20 charlas divulgativas organizadas na súa primeira edición, en 2011, pasouse a 50 no curso 2014-2015 e a 58  no curso 2015-2016.
 
Santalices agradece a colaboración de exdeputados/as e centros
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradece a colaboración da Asociación de  Exparlamentarios/as para facer posible este iniciativa, e moi especialmente a participación dos diferentes exdeputados/as que tomaron parte nestas charlas.
 
Anima tamén o presidente da Cámara aos centros educativos a seguir organizando actividades deste tipo, tanto no propio centro, como participando no programa de visitas guiadas á sede do poder lexislativo galego.
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina