• O Pleno da Cámara elixiu a Juan Manuel Jiménez Morán, Modesto Pose Mesura e Fernando Carlos Rodríguez Pérez
• A Cámara elixiu tamén seis membros do Consello Social da Universidade da Coruña
Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta mañá aos tres senadores representantes da Comunidade Autónoma. Foron elixidos Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez Pérez, propostos polo Grupo Popular; e Modesto Pose Mesura, por proposta do Grupo dos Socialistas de Galicia.
Juan Manuel Jiménez Morán
Natural de Verín (Ourense), Juan Manuel Jiménez Morán é axudante técnico sanitario e diplomado universitario en Enfermería. É concelleiro en Verín desde o ano 1983 e alcalde deste concello ourensán en dúas etapas: desde 1995 ata abril de 2004 e desde xuño de 2007 ata 2015. Tamén foi senador en representación da Comunidade galega desde 2011 ata a actualidade.
Jiménez Morán é membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia. Formou parte do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia desde xullo de 1994 ata 2011.
Fernando Carlos Rodríguez
Pola súa banda, Fernando Carlos Rodríguez Pérez é natural de Bóveda (Lugo). Farmacéutico de profesión, foi concelleiro en Bóveda de 1979 a 1999; alcalde deste concello de 1984 a 1985; concelleiro en Sarria de 1999 a 2003; deputado provincial na Deputación de Lugo entre 1979 e 1991; deputado no Parlamento de Galicia de 1985 a 1999; e senador electo por Lugo de 2000 a 2008.
Rodríguez Pérez é na actualidade membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia. Foi presidente e fundador da Asociación Grupo Local de Desenvolvemento Rural Río Lor desde 1991 a 1995, encargada de levar adiante o Plan Caurel.
Modesto Pose Mesura
Modesto Pose Mesura naceu en Barizo (Malpica) o 29 de decembro 1955. Vive en Vilagarcía de Arousa. É licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Inspector médico do SERGAS. Deputado no Parlamento de Galicia dende o ano 2001 ata o ano 2012. Foi concelleiro, secretario comarcal de Arousa e secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra.
Consello Social da Universidade da Coruña
Posteriormente, o Pleno da Cámara procedeu á elección de seis membros do Consello Social da Universidade da Coruña, cubrindo deste xeito as vacantes por expiración de mandato.
Resultaron elixidos como membros do Consello Social da Universidade da Coruña Eduardo Álvarez González (por proposta do BNG); Alfonso Manuel López Pena e Angel Manuel Teijeiro González (por proposta do PSdeG-PSOE); e Luis Ramiro Díaz López, Luis Felipe Llamas Gómez e Jaime Fernández-Obanza Carro (por proposta do PPdeG).
O artigo 77 da Lei 6/2013, do Sistema Universitario de Galicia, sinala que ao Parlamento de Galicia lle corresponde a designación de seis membros de cada consello social das universidades galegas.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.