• O Grupo de Traballo da CALRE sobre Política Social, Inmigración e Dereitos Humanos ultima un ditame que elevará ás autoridades comunitarias a partir da experiencia dos parlamentos rexionais
• O Comité Permanente da CALRE, que se reúne esta tarde, analizará os efectos do “Brexit”
Santiago, 14 de xullo de 2016.- A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, participa hoxe en Bruxelas nunha reunión do Grupo de Traballo da CALRE sobre Política Social, Inmigración e Dereitos Humanos, na que se analizou a protección xurídica e situación dos menores inmigrantes nos distintos estados membros da UE.
Este grupo de traballo está a elaborar un documento de recomendacións, a partir da experiencia dos parlamentos rexionais integrados na CALRE, que se elevará ás autoridades comunitarias. Este informe analizará os dereitos e a protección que gozan os menores inmigrantes (acompañados e non acompañados) e incluirá propostas de reforma da lexislación comunitaria, pero tamén recomendacións encamiñadas a harmonizar as diferentes lexislacións dos estados membros nesta materia.
Con este informe, a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas pretende achegar propostas para dotar á UE de novas ferramentas de protección e tutela dos menores inmigrantes, tendo en conta o papel clave que as rexións e municipios xogan na acollida e integración das persoas menores de idade.
Os participantes nesta xuntanza do grupo de traballo sobre Política Social, Inmigración e Dereitos Humanos abordaron tamén os problemas derivados da trata de menores, coincidinco na necesidade de incrementar as medidas que permitan combater esta lacra, ao tempo que se poda ofrecer ás vítimas a protección e tutela axeitadas.
Efectos do “Brexit”
Xa pola tarde, a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, en representación do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, participa na reunión co Comité Permanente da CALRE que, entre outros asuntos, ten previsto abordar as repercusións do “Brexit”, que tamén afecta á composición da propia conferencia de parlamentos rexionais Europeos.
Nesta reunión fíxose pública a concesión do Premio da CALRE 2016 no que resultou garalardoado Parlamento de Galicia por un proxecto que promoveu xunto coa Asemblea Lexislativa dos Azores sobre o patrimonio común europeo que se basea nas raíces compartidas dos idiomas galego e o portugués.
Tamén recibirá unha mención especial outro proxecto do Parlamento de Galicia sobre a promoción da participación democrática dos mozos galegos ao nivel europeo.
Esta é a primeira edición do premio da CALRE, que foi creado co obxectivo de promover actividades dos parlamentos rexionais a nivel europeo nos eido cultural, económico e social. O premio será entregado coincidindo coa celebración da sesión plenaria da CALRE que se celebrará os días 24 a 26 de novembro en Ispra (Italia)
A CALRE foi creada en 1997 e está integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas. Forman parte desta organización as asambleas lexislativas das comunidades autónomas españolas, consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira é o actual vicepresidente da CALRE.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.