• O presidente do Parlamento de Galicia, o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia e o presidente da Asociación de Exparlamentarios/as asinaron un convenio de colaboración para articular esta iniciativa de divulgación
• A partir desta serie de programas, o Parlamento de Galicia editará un libro de anécdotas parlamentarias
Santiago, 15 de xullo de 2016.- Televisión de Galicia producirá e emitirá un total de sete programas divulgativos especiais para dar a coñecer a historia do Parlamento de Galicia, tomando como base as testemuñas dos exparlamentarios/as da Cámara e as anécdotas da vida parlamentaria relatadas polos seus protagonistas.
Cada un destes programas terá unha duración de 30 minutos e o seu contido será plural, reflectindo a composición da Cámara autonómica ao longo da historia.
Esta iniciativa está recollida nun convenio de colaboración asinado esta mañá polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o presidente da Asociación de Exparlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; e o director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo.
Colaboración da Asociación de Exparlamentarios/as
A Asociación de Exparlamentarios/as do Parlamento de Galicia colaborará coa Corporación Radio e Televisión de Galicia prestando asesoramento para a elaboración dos programas previstos.
Tomando como base o contido dos programas elaborados e emitidos, o Parlamento de Galicia elaborará e publicará un libro de anécdotas parlamentarias.
Esta iniciativa ponse en marcha cando están a piques de cumprirse os 35 anos da constitución do Parlamento de Galicia (a sesión constitutiva da primeira lexislatura celebrouse o 19 de decembro de 1981).
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.