saltar ao contido

O presidente do Parlamento participou na presentación dun libro sobre Emigración e exilio en Galicia e Azores

 
• A actividade enmárcase nos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asemblea Lexislativa dos Azores
 
• O titular do Lexislativo autonómico reitera o chamamento a impulsar os lazos entre Galicia e Azores
 
Santiago, 21 de xullo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asistiu esta tarde en Ponta Delgada (Illa de San Miguel, Azores) á presentación do libro “Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores”, editado polo Consello da Cultura Galega  e a Fundación Luso-Americana para o Desenvolvemento.
 
Esta publicación do Consello da Cultura Galega da a coñecer os  vínculos entre Galicia e os Azores en aspectos comúns, como as experiencias migratorias aos Estados Unidos: desde a integración dos emigrantes nas sociedades de acollida, as súas relacións co mundo do exilio, ata a aparición e consolidación de novos medios de comunicación na diáspora, sen esquecer o papel das comunidades emigrantes na diplomacia cultural. Tamén asistiron á presentación do libro dous coordinadores da publicación, Alberto Pena e Mário Mesquita, así como Michael Baum, administrador da FLAD.
 
Esta actividade enmárcase nos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asemblea Lexislativa dos Azores, que convidou ao Parlamento de Galicia a sumarse á celebración coa exposicion “54 páxinas das noas letras”, inaugurada onte en Horta, onde tamén se presentaron dúas publicacions editadas pola Cámara galega, a Xunta e a Real Academia Galega: un facsímil da edición políglota de “Zara”, que inclúe unha traducción galega efectuada por Curros Enríquez;  e o  volume “Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas”, obra do profesor Xesús Alonso Montero e da profesora Beatriz García Turnes.
 
Superar o esquecemento
 
Santalices Vieira fixo votos para que esta experiencia auspiciada polo Parlamento de Galicia e pola Asemblea Lexislativa dos Azores, no marco do 40 aniversario da súa autonomía, unida ás xa impulsadas polo Consello da Cultura Galega, contribúa a “superar o esquecemento e a distancia”.
 
Ao seu xuízo, “os recursos que poden servir de base para facer agromar esas relacións nos máis diversos eidos –o cultural, o económico, o académico ou o institucional- existen en abundancia; de nós –do conxunto da sociedade-
dependerá, por tanto, o éxito ou o fracaso desta aposta”.
 
 
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina