saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 13 de decembro de 2016

 

3.5 1211 (10/PNP-000108)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín, e catro deputados/as máis
Sobre o desenvolvemento pola Xunta de Galicia dunha estratexia de infraestrutura verde que cree unha rede de espazos naturais e seminaturais
Publicación da iniciativa, BOPG nº 18, do 23.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
 
• Ao desenvolvemento dunha Estratexia de infraestrutura verde que cree unha rede de espazos naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade, proporcionar servizos ecosistémicos e incrementar a resiliencia dos ecosistemas.
 
• A ampliar a rede galega de espazos naturais protexidos durante a presente lexislatura co obxectivo de achegarse á media estatal en canto a porcentaxe de superficie protexida.
 
• A recuperar para o uso social e ambiental os espazos de dominio público marítimo-terrestre do litoral —especialmente marismas e humidais—, seguindo as determinacións do plan de actuación do Plan de Ordenación do Litoral.
 
• A incluír os espazos urbanos e periurbanos como parte central da Estratexia de infraestructura verde.»
 
3.7 1272 (10/PNP-000117)
Grupo Parlamentario de En Marea
Sánchez García, Antón, e Cal Ogando, Marcos
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa tramitación da Proposición de lei aprobada polo Parlamento de Galicia referida á transferencia da titularidade e xestión da autoestrada AP-9 á Xunta de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 18, do 23.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a exixir ao Goberno do Estado que non obstaculice a tramitación da Proposición de lei, respectando así a vontade democrática expresada polo Parlamento galego.»
 
3.8 1397 (10/PNP-000129)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Romero Fernández, Cristina Isabel, e cinco deputados/as máis
Sobre a creación polo Goberno galego dunha tarxeta dirixida especificamente aos peregrinos a Compostela que aglutine diferentes servizos de interese para eles
Publicación da iniciativa, BOPG nº 21, do 29.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
 
• Á creación dunha tarxeta dirixida especificamente aos peregrinos a Compostela, que aglutine diferentes servizos de interese para os peregrinos e que inclúa, entre outros: entrada única nos museos, facilidades no transporte público, descontos en actividades culturais, de ocio e restauración, en comercios e tendas de produtos galegos e de artesanía de Galicia e nos mercados de abastos.
 
• A que presente no Parlamento de Galicia, nun prazo de 3 meses, un programa ben estruturado da implantación da tarxeta do peregrino, no que se teñan en conta para a súa elaboración, entre outros colectivos, as asociacións de comerciantes, hostaleiros, etc., e no que se establezan as seguintes cuestións: onde e como conseguila; órgano responsable da súa distribución; financiamento; ámbito de aplicación…»

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina