saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia

 
Declaración institucional a favor do indulto de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez
 
Dende hai máis de dous anos convócanse en Vigo mobilizacións e concentracións para pedir o indulto de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, traballadores que hoxe nos acompañan, que foron condenados a tres anos de prisión ao aplicárselles o artigo 315.3 do Código Penal, atentando contra os dereitos da clase traballadora, cando estaban a participar nun piquete informativo legal nunha folga do sector do transporte en 2008.
 
En decembro de 2013, o Consello de Ministros denegoulles a Carlos e Serafín a concesión de indulto que solicitaran as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO, xunto co aval de milleiros de sinaturas da cidadanía galega, o que motivou unha nova petición de indulto, que recibiu o apoio unánime do Parlamento de Galicia en febreiro de 2014.
 
Carlos Rivas e Serafín Rodríguez seguen condenados e pendentes de que se resolva a segunda petición de indulto, polo que o Parlamento de Galicia reitera a súa solidariedade con eles e coas súas familias e pronúnciase a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración inmediatamente a petición de indulto parcial para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez coa finalidade de evitar o seu ingreso en prisión.
 
 
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2016
 
 
 
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina