Santiago, 14 de decembro de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde, no Liceo de Ourense, nunha sesión necrolóxica en memoria do Dr. Luis Rodríguez Míguez, organizada pola Real Academia de Medicina de Galicia, da que o homenaxeado foi académico numerario e titular do “sillón” de Hidroloxía Médica.
Nado en Santiago en 1932, o Dr. Rodríguez Míguez faleceu en Ourense en febreiro pasado e está considerado o pai do termalismo galego actual. Impulsor dos cursos de Hidroloxía Médica de Carballiño, estivo vinculado á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e defendeu con insistencia a inclusión deste tipo de tratamentos na sanidade pública.
A sesión necrolóxica contou coa intervención do Dr. Gestal Otero, que disertou sobre “O Dr. Luis Míguez, profesor, compañeiro e amigo” e do Dr. Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, que analizou as “Contribucións do Dr. Rodríguez Míguez á Hidroloxía Médica desde a Academia”. Tamén participou o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesus Vázquez Almuiña.
“Como presidente do Parlamento de Galicia, como deputado vinculado ao mundo sanitario e como médico, acudo a este acto a deixar testemuño da miña homenaxe a recoñecemento ao Dr. Rodríguez Míguez. Boa parte do liderado actual de Galicia en materia de termalismo é consecuencia do traballo incansable e do entusiasmo do Dr. Rodríguez Míguez”, afirmou Miguel Santalices.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.