• Santalices Vieira convida ao Rei a visitar o Parlamento de Galicia no marco da conmemoración do aniversario da Cámara
• Explicou que o Parlamento aposta por seguir avanzando en materia de participación cidadá, eficacia e transparencia
• Agradece a audiencia concedida por Súa Maxestade o Rei por entender que constitúe un recoñecemento ao conxunto das institucións autonómicas galegas
Santiago, 12 de xaneiro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi recibido esta mediodía en audiencia pola Súa Maxestade o Rei Felipe VI coincidindo coa celebración do 35 aniversario da Cámara galega.
Agradeceu o presidente do Parlamento a audiencia concedida por Súa Maxestade o Rei, por entender que constitúe un recoñecemento ao conxunto das institucións autonómicas galegas e convidou ao Xefe do Estado a visitar a Cámara galega no marco da conmemoración do 35 aniversario da institución.
Durante o encontro co Xefe do Estado, celebrado no Palacio de La Zarzuela, o presidente do Parlamento sinalou que ao longo destas tres décadas e media de vida a Cámara galega se consolidou como a principal institución da Comunidade Autónoma.
Potenciar a participación cidadá
Santalices Vieira explicou ao Rei Felipe VI que o Parlamento de Galicia traballa xa nun programa de actividades –integrado por diversos actos e alguna publicación- para conmemorar o 35 aniversario da súa constitución, celebrada o 19 de decembro de 1981. Con estas actividades, o Parlamento busca reforzar a súa proxección pública e dar a coñecer o seu traballo entre o conxunto da sociedade á que se debe.
Ao remate da audiencia, en declaracións aos xornalistas, Santalices referiuse á evolución rexistrada polo Parlamento de Galicia desde a súa constitución en 1981, cunha preocupación inicial centrada en asentar a autonomía, á preocupación actual, a de “ver como abrimos o Parlamento á sociedade”.
O presidente do Parlamento de Galicia incidiu na súa vontade de potenciar as diferentes posibilidades de participación cidadá, ampliadas nunha recente reforma lexislativa, ademais de continuar avanzando en materia de eficacia e transparencia na administración parlamentaria.
Viaxe a Arabia Saudí
Santalices Vieira valorou tamén o papel do Xefe do Estado, do que destacou a súa condición de primeiro e mellor embaixador de España, como sucederá no próximo desprazamento oficial a Arabia Saudí, para que lle desexou “sorte”, dado que esta viaxe “está moi ligada a Galicia”. “A nós vaimos moito nesta viaxe”, afirmou.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.