3.1 4149 (10/MOC-000010)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Fernández Leiceaga, Xoaquín María
Sobre a posición que debe defender o Goberno galego en relación coa reforma do modelo de financiamento autonómico prevista para o ano 2017 (Moción a consecuencia da Interpelación nº 2294, publicada no BOPG n.º 32, do 21.12.2016 e debatida na sesión plenaria do 24.01.2017)
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia demanda á Xunta de Galicia que na reforma do modelo de financiamento autonómico prevista para 2017 defenda que:
1. EQUIDADE E SOLIDARIEDADE PLENA.
Como criterios básicos para o tratamento igualitario das comunidades:
- Na asignación dos recursos globais entre as comunidades de réxime común debe prevalecer como razón fundamental a cobertura igualitaria das necesidades de gasto.
- A aplicación da solidariedade debe ser plena e non parcial, sen que caiba establecer discriminacións entre unhas competencias e outras.
- Debe rexeitarse o principio de que os recursos fiscais correspondan ao territorio onde se orixinan, por introducir diferenzas inaceptábeis entre uns e outros cidadáns en función da renda e a riqueza da comunidade autónoma na que vivan.
Estes criterios básicos deben dar lugar ás seguintes modificacións no modelo de financiamento, para garantir unha capacidade de gasto equivalente ás comunidades:
a. As porcentaxes de ponderación implícitas das variábeis de reparto deben axustarse ao peso das distintas función de gasto no conxunto das comunidades de réxime común, no que respecta ao orzamento financiado con fondos propios.
b. Na consideración da poboación protexida equivalente para a determinación das necesidades de gasto en sanidade deben establecerse dous tramos adicionais, de máis de 75 e máis de 85 anos, coas ponderacións que corresponda, unha vez efectuadas as análises estatísticas correspondentes.
c. Na consideración das necesidades de gasto en materia social deben terse en contas os distintos tramos de idade a partir de 65 anos (máis de 75 e máis de 85 anos, cando menos).
d. Na consideración das necesidades de gasto educativo debe terse en conta o número efectivo de alumnos, incluídos os de educación universitaria, de cada comunidade autónoma.
e. Debería terse en conta a inversa da renda relativa para incorporar o distinto uso dos servizos públicos en función do nivel de renda.
f. Debería incrementarse a ponderación ligada á dispersión poboacional, para reflectir o impacto desta circunstancia estrutural na atención sanitaria, educativa, social ou de xustiza, así como no mantemento de vías públicas ou nos custes de saneamento e depuración, na recollida e tratamento de residuos e outros.
g. Debería procederse a unha estimación nova, sobre bases empíricas, da recadación normativa utilizada para calcular a capacidade tributaria das comunidades, evitando as desigualdades de facto que o modelo actual introduce.
2. ESTABILIDADE
Garantir a estabilidade na prestación dos servizos aos cidadáns que son competencia das comunidades autónomas é un obxectivo relevante, para o que sería preciso:
a. Introducir garantías dinámicas no modelo que atenúen os impactos asimétricos sobre os recursos dunha comunidade.
b. Estudiar a creación dun Fondo de Reserva, derivado da aplicación da regra de gasto, para atender as necesidades financeiras nas fases baixas do ciclo.
c. Analizar como incentivar o cumprimento da citada regra mediante un uso parcial dos superávit producidos en investimentos sostíbeis.
d. Cómpre axustar mellor as entregas a conta á evolución da recadación, reducindo o peso das liquidacións.
3. AUTONOMÍA FINANCEIRA
Para a mellora da autonomía financeira das comunidades:
a. Debe establecerse un sistema de participación das comunidades autónomas nas decisións tributarias sobre aqueles impostos nos que comparten as bases (IVE e Impostos especiais) coa Administración xeral do Estado.
b. Estudar a fórmula para que as decisión tributarias das CCAA naqueles tributos con capacidade normativa teñan un impacto na recadación no exercicio de referencia e non dous anos máis tarde, coas liquidacións, como sucede na actualidade.
c. Nos tributos cedidos cómpre avanzar na capacidade normativa das comunidades mantendo, en todo caso, que a determinación das bases impoñíbeis sexa competencia da Administración central.
d. As comunidades autónomas deberían ter unha participación máis efectiva nos órganos de dirección da Axencia Tributaria, mentres esta se ocupe da xestión dos principais instrumentos tributarios das comunidades.
4. LEALTADE INSTITUCIONAL E COORDENACIÓN
a. Debe poñerse en marcha un sistema de alerta temperá ligada ao mecanismo das Conferencias Sectoriais que permita prever e corrixir as actuacións unilaterais de cada nivel da Administración que afecten de xeito negativo aos outros niveis alí onde existan competencias compartidas.
b. En todo caso, as decisión da Administración central que supoñan un incremento do gasto ou unha redución dos ingresos das comunidades deben ser obxecto dunha compensación explícita; de non ser así esa ausencia será demandable.
c. A AEAT cooperará dun xeito máis efectivo coas axencias tributarias autonómicas para a transmisión de información e a persecución do fraude.
5. SOSTIBILIDADE
a. Debe evitarse que as diferenzas no nivel de endebedamento sexan un criterio para a asignación de recursos no novo modelo.
b. Debe reformularse a regulación da regra de gasto de xeito que se posibilite unha aplicación máis flexible ás comunidades cumpridoras cos criterios de déficit e débeda inferior á media das CCAA”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.