• A actividade está dirixida a deputados e deputadas, persoal da institución e xornalistas acreditados e, ademais da formación propiamente dita, busca concienciar sobre a importancia de contar con coñecementos básicos sobre estas manobras
• Será coordinada polo presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, o Dr. José Ramón González-Juanatey
Santiago, 12 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia acollerá, o vindeiro 27 de febreiro, unha xornada de formación básica e práctica sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador externo semiautomático. Esta actividade está organizada coa colaboración da Sociedade Española de Cardioloxía e diríxese a deputados e deputadas, persoal que traballa na institución e xornalistas acreditados na Cámara galega.
A iniciativa foi acordada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira e polo presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, o Dr. José Ramón González-Juanatey, que será o coordinador da xornada.
Con esta actividade preténdese dotar aos participantes nas xornadas dunha formación básica en materia de reanimación cardiopulmonar e manexo do desfibrilador externo semiautomático, xa que boa parte dos destinatarios potenciais asisten con frecuencia a actos con elevada afluencia de público nos que eventualmente poderían resultar necesarias manobras deste tipo.
Está acreditado que a intervención precoz e axeitada resulta determinante para salvar a vida da persoa que sofre unha parada cardíaca.
Concienciación
Ao tempo, coa organización desta xornada, o Parlamento de Galicia e Sociedade Española de Cardioloxía buscan concienciar sobre a importancia da formación en materia de reanimación cardiopulmonar e o manexo de desfibriladores externos.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.