A Comisión 6.ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 15 de febreiro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 354 (10/PNC-000002)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Losada Álvarez, Abel Fermín e Toja Suárez, María Dolores
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas intencións da empresa Ferroatlántica de segregar as súas actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes, así como a venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande
BOPG n.º 6, do 03.11.2016
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 1 abstención.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Esixir a empresa Ferroatlántica o mantemento da actividade productiva e dos postos de traballo na factoría de Cee-Dumbría a través das inversións necesarias para este fin. Traballar con Ferroglobe para conseguir o desenvolvemento dun Plan de modernización das súas fábricas en Galicia que conte co máximo respaldo social e sindical.
2. Velar polo mantemento das condicións establecidas nos documentos concesionarios vixentes das centrais hidroeléctricas con aproveitamento nos ríos Xallas e Grande, e moi especialmente as seguintes:
1)Non poderán segregarse de Ferroatlántica SA as actividades de ferroaliaxe e de produción de enerxía eléctrica polas centrais.
2)A perda por parte de Ferroatlántica SA da súa condición de titular dos aproveitamentos sinalados ante calquera acredor, mesmo pignoraticio, será causa de extinción destes nos termos establecidos nos documentos concesionarios.
3. Solicitar que os postos de traballo que se derivan da xestión, administración, contabilidade e explotación da división de enerxía, recaian no centro de traballo de Cee-Dumbría-Centrales Hidroeléctricas, como así foi desde sempre, na historia de Carburos Metálicos".
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 3121 (10/PNC-000305)
Grupo Parlamentario de En Marea
Casal Vidal, Francisco
Sobre a realización polo Goberno galego das xestións oportunas diante do Goberno central e Navantia para o establecemento dun sistema descentralizado de compras e aprovisionamentos nos estaleiros de Ferrol e Fene
BOPG n.º 48, do 19.01.2017
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a realizar as xestións oportunas ante o Goberno do Estado e a presidencia da compañía pública Navantia para que, de maneira urxente, se estableza un sistema de compras e aprovisionamento nos estaleiros de Ferrol e Fene que valore o impacto das adxudicacións na xeración de emprego e actividade económica na Comarca".