saltar ao contido

Declaración Institucional 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

 
Pasaron 113 anos dende o 8 de marzo de 1904 no que 129 mulleres, encerradas para mellorar as súas condicións laborais, morreron carbonizadas, asasinadas polo seu xefe nun incendio na fábrica onde traballaban. Dende entón a loita das mulleres e do movemento feminista conseguiron que avanzásemos moito, mais estes avances aínda son insuficientes. Por iso, reivindicamos o Día Internacional das mulleres para pór o foco sobre as desigualdades que persisten e a necesidade de que a igualdade forme parte da axenda política en Galicia.
Malia ao carácter universal do dereito á igualdade, aínda son moitas as mulleres que non poden exercer os seus dereitos fundamentais como seres humanos. Moitas continúan a sufrir todo tipo de escravitude e discriminacións. Non debemos mirar para outro lado. Esta é unha loita de todas e todos nós.
No ámbito da nosa sociedade, e a pesar de que a igualdade xa é un dereito recoñecido normativamente, aínda queda moito por facer. A conciliación laboral e familiar; a corresponsabilidade dos homes nos coidados; o emprendemento feminino; a racionalización de horarios; a loita pola non discriminación; a igualdade laboral; o empoderamento; a igualdade salarial; a sensibilización dos e das menores, dos e das adolescentes; a educación en igualdade; a loita contra a trata e a explotación sexual así como todas as formas de violencia machista fan que debamos continuar traballando e esforzándonos dende todas as institucións e ámbitos sociais para chegar a unha igualdade real e efectiva.
Os cambios lexislativos aprobados nos últimos anos foron pasos á fronte na loita contra a violencia machista mais insuficientes para erradicar todas as formas de violencia e discriminación contra as mulleres. En consecuencia, este Parlamento comprométese a escoitar á sociedade civil e a analizar todas as posibilidades de mellora sobre todo o que está a fallar. Urxe avanzar na posta a disposición os recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección necesarios para tentar rematar con este problema social.
Así mesmo, falar de igualdade é, sen dúbida, falar das nenas, o sector máis vulnerable do planeta xa que sofren discriminación por sexo e por idade e son vítimas de violacións dos seus dereitos. Nese senso, o Parlamento de Galicia súmase á iniciativa da loita por conseguir o cumprimento dos dereitos de nenas e mulleres e o avance da igualdade de xénero, coa ambición de que, nos próximos 5 anos, e en liña co previsto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, 100 millóns de nenas consigan aprender, liderar, decidir, prosperar e participar no deseño das políticas públicas que afectan ás súas vidas.
O Parlamento de Galicia quere tamén amosar o seu apoio á sociedade civil organizada na defensa da igualdade, que é o motor dos avances da sociedade cara a igualdade entre homes e mulleres, como sucedeu co día que estamos a conmemorar hoxe.
Hoxe, día 8 de marzo de 2017, no que se conmemora o día internacional das mulleres, o Parlamento de Galicia proclama o seu compromiso coa igualdade e coa denuncia de calquera acción individual ou colectiva que impida a súa materialización. Porque a loita contra a desigualdade da metade da poboación é un elemento fundamental para a consecución dunha sociedade máis xusta.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina