saltar ao contido

Normas de funcionamento da Comisión non Permanente de Estudo sobre a Seguridade Viaria en Galicia

 
A Comisión non Permanente de Estudo sobre a Seguridade Viaria en Galicia, na súa sesión do 15 de marzo de 2017, adoptou o seguinte acordo:
 
Aprobación das normas de funcionamento da Comisión
 
Normas de funcionamento da Comisión non Permanente de Estudo sobre a Seguridade Viaria en Galicia
 
I. Obxecto e duración
 
Artigo 1
 
A Comisión especial non permanente de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia créase co obxecto de pór en marcha un instrumento institucional na Cámara galega que sirva de foro de estudo e debate e ofreza propostas de solución para mellorar a seguridade viaria en Galicia e reducir a sinistrabilidade, co fin de rematar os traballos iniciados na IX lexislatura.
 
Artigo 2
 
A Comisión créase para a concreta función de estudio prevista no artigo 1 e extinguirase ao remate do labor encomendado e, en todo caso, ao concluír a lexislatura.
 
II. Organización
 
Artigo 3
 
A Mesa é o órgano de goberno da Comisión e terá as seguintes atribucións:
a)  Recompilar todo tipo de información sobre a seguridade viaria en Galicia
b)  Organizar as actividades que se consideren necesarias para dotar a Comisión de toda a información que sexa de interese para a elaboración do ditame.
c)  Preparar os documentos que deban ser sometidos á deliberación da Comisión.
d)  Propoñerlle á Comisión un Plan de traballo, escoitadas as persoas portavoces dos grupos parlamentarios presentes na Comisión e unha vez remitidos por aquelas as correspondentes propostas de plan de traballo.
e)  Executar os acordos tomados pola Comisión.
f)  Aquelas que en calquera momento lle asigne a Comisión.
 
 
III. Funcionamento
 
Artigo 4
 
A Comisión será convocada pola súa Presidencia, de acordo coa Presidencia do Parlamento, por iniciativa propia, a petición de dous grupos parlamentarios ou dunha quinta parte das deputadas e dos deputados da Comisión.
 
Artigo 5
 
1. A Comisión e a súa Mesa entenderanse validamente constituídos cando asistan a metade máis un das deputadas e dos deputados pertencentes a estes órganos.
2. Os acordos adoptaranse por maioría aplicándose o criterio do voto ponderado.
IV. Medios de acción
 
Artigo 6
 
A Comisión poderá exercer as facultades previstas no artigo 44.1 do Regulamento da Cámara. Estas facultades, atribuídas á Comisión no seu conxunto, poderán delegarse na súa Mesa, ao abeiro do disposto na resolución da Mesa do Parlamento do 11 de abril de 1986.
 
Artigo 7
 
A Comisión aprobará un plan de traballo, no que figurará o calendario xeral de actividades.
 
V. Ditame
 
Artigo 8
 
A Comisión aprobará un proxecto de ditame que conterá as conclusións ás que chegue.
 
Artigo 9
 
Se a Comisión designara unha ponencia, esta elaborará o proxecto de ditame. O proxecto elevaráselle á Comisión para o seu debate e, se é o caso, a súa aprobación.
 
Artigo 10
 
Redactado o proxecto a Presidencia da Comisión remitirállelo ás deputadas e aos deputados desta no prazo previsto no calendario de actividades.
 
Artigo 11
 
As deputadas e os deputados da Comisión poderán presentar emendas ao proxecto de ditame dentro dos cinco días hábiles seguintes a súa remisión.
 
Artigo 12
 
O proxecto do ditame coas emendas presentadas será obxecto de debate no seo da Comisión, para a súa aprobación definitiva por aquela.
 
Artigo 13
 
Os grupos parlamentarios e as deputadas e os deputados da Comisión poderán formular votos particulares ao ditame cando discrepasen do seu contido. Os votos particulares deberán presentarse á Mesa da Comisión dentro dos cinco días hábiles seguintes á finalización do ditame.
 
Artigo 14
 
1. O ditame cos votos particulares que houbese seranlles remitidos á Mesa do Parlamento, nos cinco días hábiles seguintes á súa terminación, para os efectos da súa tramitación e aprobación no Pleno, se fose procedente.
2. O ditame cos votos particulares que houbese, serán publicados no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
 
Disposición derradeira única
 
En todo o non previsto nestas normas aplicarase supletoriamente o Regulamento do Parlamento de Galicia.
 
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017

Eva Solla Fernández
Vicepresidenta 2.ª
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina