• O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, presenta a iniciativa a un grupo de preto de 400 nenos e nenas escolarizados en centros das catro provincias e que hoxe tiveron ocasión, ademais, de coñecer a sede do Parlamento cunha serie de visitas guiadas
• O Parlamento promociona o programa de visitas guiadas e convida especialmente á comunidade escolar a coñecer a sede do poder lexislativo
Santiago, 17 de marzo de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta mañá o material divulgativo elaborado pola Cámara para dar a coñecer a primeira institución de Galicia e os valores do parlamentarismo democrático entre as nenas e nenos galegos que cursan Educación Infantil e Primaria. O material está protagonizado polos Bolechas, dada elevada aceptación desta serie de debuxos animados entre a infancia galega.
O acto serviu tamén para divulgar o programa de visitas guiadas á sede do Lexislativo galego, unha iniciativa que o Parlamento quere potenciar, especialmente entre a comunidade escolar.
Na presentación participaron preto de 400 nenas e nenos escolarizados en centros das catro provincias galegas, que, entre outras actividades, tiveron ocasión de coñecer a sede do Parlamento de Galicia nunha serie de visitas guiadas durante as que recibiron explicacións sobre o funcionamento do Lexislativo autonómico.
Espertar o interese dos máis novos polo Parlamento
A partir de hoxe, todos os centros educativos de Galicia que impartan Educación Infantil e Primaria recibirán en soporte dixital, un capítulo da serie Os Bolechas ambientado no Parlamento de Galicia e que trata de espertar o interese dos máis novos en relación cos valores democráticos e o papel central do Parlamento no sistema institucional da Comunidade Autónoma. O envío incluirá, ademais, unha guía didáctica orientada ao profesorado, pero tamén de utilidade para as familias. O material tamén se publicará na web do Parlamento, onde os máis novos terán á súa disposición material interactivo como xogos e debuxos, deseñados para familiarizar as nenas e nenos co Parlamento de Galicia.
O titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, confesou que o de hoxe foi un acto especial e gratificante.
“Entrastes pola porta que só se abre cando veñen personalidades importantes”, afirmou o presidente do Parlamento á rapazada presente, á que explicou que na Cámara se fala e toman decisións sobre cuestións que afectan a todos, como os colexios, as materias de estudo, a lingua, os hospitais ou os centros de saúde.
“Encantados de que veñades ao Parlamento”
“Estamos encantados de que veñades ao Parlamento”, indicou Miguel Ángel Santalices Vieira, quen sinalou que o de hoxe é “un día de ledicia para todos”. O presidente que Parlamento agradeceu o labor dos mestres e mestras, ao tempo que animou a nenas e nenos a estudar, e tamén a facer unha vida sana e practicar deporte.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.