saltar ao contido

O presidente do Parlamento participa na entrega dos Premios Down Compostela

 
 
• Santalices Vieira recoñece o traballo de Down Compostela e afirma que “as portas do Parlamento están permanentemente abertas” para estas organizacións
 
Santiago, 20 de marzo de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este tarde no acto de entrega dos VI Premios Down Compostela, que nesta edición recaeron en Carmen Barbeito Manteiga, o Colexio Divino Maestro e XADE (Multiusos de Sar-Santa Isabel) polo seu traballo a prol da mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.
 
Na súa intervención, Santalices Vieira recoñeceu a utilidade de iniciativas como a desta tarde, na medida en que contribúen a visibilizar a  realidade das persoas con síndrome de Down, “unha realidade que, desgrazadamente, dista moito de acadar a plena integración que todos desexamos”. “Actos como o de hoxe resultan precisos e o seguirán sendo mentres persistan as eivas que todos coñecemos”, dixo.
 
O presidente do Parlamento expresou o seu recoñecemento ao traballo que desenvolve  Down Compostela, que “traballa de maneira incansable na procura dunha vida mellor para estas persoas”, e valorou tamén o labor do conxunto do tecido asociativo a favor das persoas con discapacidade.

Nesta liña, Santalices apuntou que “as portas do Parlamento de Galicia –incluídos os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados nos últimos tempos- e a porta do meu despacho están permanentemente abertas para vostedes, ao igual que para calquera colectivo que defenda melloras na calidade de vida das persoas”.
 
Logo de reafirmar o seu respecto polas decisións xudiciais, Santalices Vieira expresou a súa “solidariedade e apoio a Down Compostela na súa campaña de sensibilización respecto aos dereitos das persoas afectadas por esta síndrome, e moi particularmente en defensa  do dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual”.  Ao seu xuízo, “limitacións deste tipo resultan incompatibles coa aspiración unanimemente compartida de avanzar na autonomía das persoas con discapacidade intelectual”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina