saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre persoas refuxiadas


 
Estamos asistindo a unha situación sen precedentes e ante a cal é preciso que a comunidade internacional tome medidas urxentes e actúe en consecuencia.
 
A principios de 2016, por primeira vez desde a Segunda Guerra Mundial, o número de persoas desprazadas dos seus fogares como consecuencia dos conflitos, a persecución e as violacións de dereitos humanos nos seus países de orixe, superou os 65 millóns, segundo datos de ACNUR. Unha cifra que se incrementaría se sumásemos as miles de persoas que se viron obrigadas a desprazarse por desastres naturais ou pobreza.
 
Esta situación pon ao descuberto a incapacidade da comunidade internacional para resolver e previr conflitos e situacións de emerxencia humanitaria, así como a falta de vontade política para cumprir coas obrigas internacionais en materia de dereitos humanos e protección internacional.
 
O pasado 22 de setembro cumpríase un ano desde que os líderes da Unión Europea acordaran un mecanismo de recolocación de emerxencia para compartir a responsabilidade de quen solicita asilo.
 
Con todo, decenas de miles de persoas seguen atrapadas en campos de refuxiados en condicións deplorables.
No caso de España, só se cumpriu apenas un 6 % dos compromisos de recolocación. A este ritmo, tardaríanse oito anos en cumprir os compromisos de recolocación.
 
As cifras falan por si soas. Máis dun ano despois destes compromisos, España acolleu 1.141 persoas, unha cifra moi afastada das 17.337 persoas que o Goberno se comprometeu a acoller.
 
Tendo en conta o anterior, o Parlamento de Galicia declara publicamente a urxente necesidade de que os gobernos da Unión Europea e, en particular, o de España axilicen de maneira significativa o proceso de traslado de persoas refuxiadas a España mediante a súa recolocación e reasentamento e cumpran no prazo previsto os compromisos acordados coa UE de acoller 17.337 persoas refuxiadas.
 
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina