saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 5 de abril de 2017


4.3 5234 (10/PNP-000439)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 6 máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia, xunto coa Fegamp, da creación de cemiterios de carácter supramunicipal que poidan atender a demanda de enterramentos conforme os requisitos das confesións minoritarias con maior arraigamento en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 71, do 22.02.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
- Impulsar, conxuntamente coa FEGAMP, coa que se acordarán as fórmulas e prazos concretos, a creación de cemiterios de carácter supramunicipal que poidan atender a demanda de enterramentos conforme aos criterios das confesións relixiosas minoritarias con maior arraigamento en Galicia, no marco da normativa xeral e sectorial.
 
- Modificar o Decreto 151/2014 do 20 de novembro de sanidade mortuoria de Galicia, para regular aqueles enterramentos que teñan que ser feitos en contacto coa terra”.
 
4.5 6206 (10/PNP-000536)
 Grupo Parlamentario de En Marea
 Casal Vidal, Francisco e 3 máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Fomento para o desenvolvemento pola sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico, S. L. de novos procesos de venda de parcelas con prezos bonificados que fagan máis competitivo o polígono industrial de Vimianzo e de iniciativas para a súa promoción, así como o inicio dos trámites para acadar a transferencia a Xestur de todas as ofertas de solo industrial en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 83, do 15.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia:
 
1.- Facer as xestións necesarias ante o Ministerio de Fomento
para que de instrucións a “Suelo Empresarial del Atlántico” para que desenvolva novos procesos de venda de parcelas no polígono de Vimianzo con prezos bonificados que o fagan competitivo e como mínimo similares aos do polígono de Carballo.
 
2.- Instar ao Ministerio de Fomento para que a través de `Suelo Empresarial del Atlántico´ desenvolva iniciativas para promocionar o polígono de Vimianzo realizando, entre outras cousas, estudos de posible especialización industrial e terciario do mesmo e favorecer a posibilidade de establecer iniciativas de economía colaborativa que o faga atractivo para as empresas da Comarca da Costa da Morte.
 
3.- Reiterar ante a dirección de `Suelo Empresarial del Atlántico, S.L.´ e o Ministerio de Fomento a necesidade de que se establezan bonificacións no prezo de venda de solo empresarial similares ás que está a aplicar a Xunta nos parques da súa competencia”
 
4.6 6345 (10/PNP-000554)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Antón Vilasánchez, María Ángeles e 6 máis
Sobre a elaboración pola Xunta de Galicia dun programa de conmemoración do 30º aniversario da declaración pola Unión Europea do Camiño de Santiago como Primeiro itinerario cultural europeo no que se recollan actuacións de recoñecemento dos demais itinerarios europeos do Consello de Europa dos que participa Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 83, do 15.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar un programa de conmemoración do 30 aniversario da Declaración de Santiago de Compostela do Consello de Europa que recoñece ao Camiño de Santiago como 1º Itinerario Cultural Europeo ao tempo que recolla no mesmo accións de recoñecemento dos demais itinerarios culturais europeos do Consello de Europa dos que participa Galicia. Para a elaboración deste  programa a Xunta de Galicia solicitará a colaboración dos concellos implicados a través da FEGAMP”.
 

4.8 6702 (10/PNP-000590)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodil Fernández, Olalla e 5 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Ministerio de Fomento dos investimentos precisos para garantir un servizo ferroviario de ancho métrico (Renfe-Feve) en Galicia nas mellores condicións posibles, así como a transferencia á Xunta de Galicia das competencias na materia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 87, do 22.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento para lle solicitar os investimentos precisos para garantir un servizo ferroviario de ancho métrico (RENFE-FEVE) polo territorio galego nas mellores condicións posíbeis. Para o que é preciso melloras do material rodante, arranxos en estacións, apeadeiros e trazados, vías…, así como aumento de persoal”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina