A Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 22 de setembro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 7007 (10/PNC-000713)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel e 3 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co acceso das pemes aos contratos públicos autonómicos, en concreto, no sector dos servizos de limpeza de edificios e locais
BOPG n.º 92, do 29.03.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a facilitar o acceso das Pemes aos contratos públicos autonómicos con carácter xeral, e con carácter concreto no sector dos servizos de limpeza de edificios e locais".
- 15102 (10/PNC-001322)
Grupo Parlamentario de En Marea
Villares Naveira, Luis e 2 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co financiamento do nomeamento de xuíces substitutos para o resto do ano 2017 co fin de atender as situacións de saturación máis urxentes e aquelas que teñan impacto específico na loita contra a violencia de xénero, e en concreto para os xulgados de violencia de Vigo e A Coruña, así como para o nomeamento de persoal funcionario de reforzo
BOPG n.º 174, do 13.09.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado español para:
1. Consignar un apartado específico de dotación orzamentaria para proceder ao nomeamento de xuíces/zas substitutas/os para o que queda de ano, que permitan atender as situacións de colapso máis urxentes e aquelas que teñen impacto específico na loita contra a violencia de xénero.
2. Dotar dunha asignación extraordinaria para nomear provisionalmente dúas persoas maxistradas para desatascar os problemas en concreto dos xulgados de Violencia de Vigo e da Coruña.
3. Dotar dunha asignación económica complementaria ás CCAA para o nomeamento de persoal funcionario de reforzo.
4. Facer previsións realistas nas que recollan con amplitude a dotación orzamentaria dedicada a Xustiza, o seu persoal e ao seu funcionamento garantido un servizo áxil de calidade".