Con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Parlamento de Galicia e as deputadas e deputados que representamos á cidadanía galega queremos reiterar o noso compromiso unánime do ano 2010 e lembrar de novo a necesidade urxente de seguir avanzando na loita contra a pobreza extrema na que aínda hoxe malviven máis de 1.400 millóns de persoas. Queremos tamén recoñecer o esforzo e o sentir dos galegos e galegas que, defendendo os dereitos humanos, se esforzan por conseguir un mundo máis xusto e loitan contra a desigualdade.
O crecemento e a recuperación económica, aínda que están permitindo recuperar algunhas das políticas e orzamentos de inclusión social ou emprego, non serán efectivos mentres non garantan de xeito estable o seu dereito a unha vida digna a todas e cada unha das galegas e galegos que no 2016 estaban en risco de pobreza ou exclusión social, o 25,4 % da poboación.
Queremos recoñecer o esforzo e a solidariedade de gran parte da poboación galega nos peores anos da crise económica: familias, veciñanza e en especial as nosas persoas maiores. Sabemos da súa debilidade e das graves dificultades que terían para afrontar outra crise.
Somos conscientes da obriga de seguirmos avanzando no noso modelo social, no que non se permita deixar ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garantan os dereitos constitucionais e a inclusión social.
En especial, é urxente e vital para o futuro de Galicia evitar a transmisión interxeracional da pobreza. Hai que seguir loitando para evitar que o 80 % das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos.
As propias persoas en risco de pobreza e baixo lemas como «As persoas primeiro» ou «Somos persoas, non expedientes», resumen as súas demandas en tres principios: loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade, moi lonxe do asistencialismo e asegurando a igualdade de dereitos e unha inclusión social activa baseada na garantía de ingresos (mediante o emprego ou rendas mínimas áxiles); compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo; e unha coordinación política e técnica entre as administracións e as organizacións especializadas que reduza drasticamente a burocracia.
Conmemoramos este Día cando asistimos a unha crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e ata desprezo ás persoas en risco de pobreza ou exclusión.
Os delitos de odio en España incrementáronse case nun 93 % dende o ano 2011 ata o 2015. Nas redes sociais só entre 2015 e 2016 os delitos de odio medraron nun 82 %, segundo a Fiscalía Xeral do Estado.
Fenómenos como o racismo, a xenofobia e a aporofobia (odio ás persoas en pobreza) son especialmente incidentes. Neste último caso, unha de cada cinco persoas sen fogar foi agredida fisicamente cando menos unha vez, e unha de cada tres foi insultada ou vexada.
As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais.
Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tutelados ou os privados de liberdade.
Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual.
Non existen as relixións que defendan o terrorismo ou a violencia.
Ningunha persoa é inútil. Sexa moza, desempregada, xubilada ou sen fogar.
As persoas que sofren e denunciaron estas e outras moitas mentiras no último Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva ou as que afirmaron que «o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres» non están soas.
Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas.
Temos tamén o compromiso de difundir e poñer o foco nas experiencias positivas, e nos exemplos de harmonía e convivencia normalizada, que son a maioría, evitando a difusión dunha visión distorsionada e non real das persoas que viven situacións de exclusión social.
Neste Día Internacional para a Erradicación da Pobreza queremos facer un chamamento para non caer na ignorancia dos prexuízos, e dar un paso cara á inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017