• A actividade celebrarase o vindeiro sábado en Porta do Conde, localidade natal de Fontán coa participación de diferentes expertos
• Celebraranse dúas mesas redondas nas que diferentes expertos disertarán sobre a figura de Domingo Fontán e analizarán a evolución da cartografía en Galicia, desde cando se percorría o territorio a pé ata o uso do satélite
Santiago, 12 de decembro de 2017.- A localidade de Porta do Conde (Portas) acollerá o vindeiro sábado, 16 de decembro, unha xornada divulgativa sobre o científico galego Domingo Fontán, autor da denominada Carta Xeométrica de Galicia.
A xornada celébrase coincidindo coa conmemoración do 200 aniversario do inicio dos traballos da Carta Xeométrica de Galicia, considerada o primeiro mapa científico de Galicia que mantivo a súa utilidade ata ben entrado o século XX. No pasado mes de abril, o Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa encamiñada a difundir a vida e obra de Domingo Fontán. Ademais, a Cámara galega custodia e exhibe un exemplar da Carta Xeométrica.
A xornada titulada “Domingo Fontán e a evolución da cartografía” celebrarase na Casa da Cultura-Biblioteca Domingo Fontán de Porta do Conde, localidade natal do científico homenaxeado. A Asociación Domingo Fontán e o Concello de Porras colaboran coa Parlamento de Galicia na organización desta actividade.
“Domingo Fontán, aproximación á súa figura” será o título da primeira mesa redonda que comezará ás 10,30h. e contará coa participación da vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Margarita Barral; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez; e o catedrático de Lingua e Literatura do IES As Lagoas de Ourense, Alfonso Vázquez Monxardín. Será moderada polo alcalde de Portas, Víctor Estévez.
A segunda das mesas redondas do programa versará sobre “Cartografía en Galicia, onte e hoxe. De percorrer Galicia a pé a comezos do século XIX á cartografía por satélite”. Estará moderada pola vicepresidenta da Asociación Domingo Fontán, Mª Rebeca López; e contará coa participación da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco Ramón Durán; e o experto en cartografía, doutor en Xeografía e profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez.
Na clausura da xornada participarán a presidenta da Asociación Domingo Fontán, Concha Méndez; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.