saltar ao contido

Campaña de doazón de sangue no Parlamento de Galicia

• As doce campañas de ADOS desenvolvidas na Cámara lexislativa galega acadaron 322 doazóns de sangue
 
Santiago, 19 de decembro de 2017.- Unha unidade móvil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) visitou hoxe o Parlamento de Galicia para recoller doazóns de sangue.  O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García, saudaron aos doadores e doadoras que esta mañá acudiron ata a unidade móbil da Axencia, que se desprazou ata a Cámara lexislativa galega.
 
Unha unidade móbil de doazón de sangue visita polo menos dúas veces ao ano o Parlamento de Galicia, dentro da campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos e que representa o 9% de todas as doazóns recollidas anualmente en Galicia. Desde o ano 2001, as unidades móbiles de ADOS visitaron nunha ducia de ocasións o Parlamento de Galicia, acadando un total de 322 doazóns de sangue, no transcurso destas visitas.
 
Agradecemento
 
Tanto o presidente do Parlamento como a directora de ADOS tiveron verbas de agradecemento para os cidadáns que doan sangue habitualmente e tamén, nesta ocasión, para todos os deputados e deputadas e os profesionais que desenvolven o seu traballo na Cámara lexislativa galega.
 
Na última campaña de doazón desenvolvida no Parlamento de Galicia, no pasado mes de maio, doaron sangue 26 persoas, aínda que tanto Miguel Santalices como Marisa López manifestaron a súa confianza en mellorar este resultado na presente visita.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina