saltar ao contido

Santalices anima á Igrexa a incentivar o uso do galego

 
• O presidente do Parlamento participou en Ourense na presentación do libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda
 
• O biografiado foi un home polifacético: sacerdote, profesor,  escritor prolífico e protagonista destacado na posta en marcha das Irmandades  da Fala en Compostela
 
Santiago, 5 de febreiro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde, no Liceo de Ourense, na presentación do libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda, publicación da que é autor Santiago Prol.
 
O titular do Lexislativo galego aproveitou o acto para  animar á Igrexa a “seguir incentivando o uso da lingua galega na liturxia, espazo tamén de inculturación e de normalización”.
 
Do biografiado no libro, Manuel Vidal Rodríguez, (Maceda, 1871 – Santiago de Compostela, 1941), o presidente do Parlamento subliñou que foi unha persoeiro polifacético. Sacerdote e profesor de lingua castelá e literatura no Instituto de Santiago durante varias décadas, Manuel Vidal “foi un humanista de cultura enclopédica, autor dunha voluminosa obra xornalística, literaria, ensaística e pegagóxica; un home que se relacionou cos principais intelectuais e creadores do seu tempo, mais tamén unha persoa altruísta, que xa en Madrid cultivou o traballo pastoral e social”.
 
Galeguista comprometido
 
Santalices salientou o feito de que Manuel Vidal fose tamén “un home comprometido coa lingua e coa cultura de Galicia”, que tiña o galego como fala de referencia e que foi, ademais, “protagonista destacado na posta en marcha das Irmandades da Fala en Compostela (1916)  e un dos asinantes do manifesto a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1932”.
 
O presidente do Parlamento recoñeceu tamén a “achega” da Igrexa en xeral, e de personalidades como Manuel Vidal en particular, á cultura e á educación de Galicia. “Outrora –afirmou-, antes da implantación do que hoxe coñecemos como Estado do Benestar, que universalizou a educación pública e gratuíta, a Igrexa foi unha das poucas institucións, ou seguramente a única, que máis fixo por estender a educación neste e noutros pobos”.
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina