saltar ao contido

O Parlamento de Galicia entrega mañá a súa medalla ás Cáritas Diocesanas de Galicia, Aldeas Infantiles SOS Galicia e COGAMI

• A entrega coincide co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia
 
• A proposta foi presentada polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, para recoñecer o labor das entidades que desenvolven o seu traballo no ámbito social e prestan apoio ás persoas máis vulnerables
 
Santiago, 5 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia acolle mañá venres, 6 de abril, o acto de entrega da Medallas da institución  a Aldeas Infantiles SOS Galicia, as Cáritas Diocesanas da Comunidade e á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), logo da decisión adoptada pola Mesa da Cámara.
 
A proposta foi presentada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, convencido da necesidade de recoñecer publicamente desde a primeira institución da Comunidade o labor das entidades e organizacións que traballan no ámbito social e prestan apoio ás persoas máis vulnerables.
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo protexer a nenos e nenas privados de coidado parental para lles brindar un entorno familiar protector no que podan medrar sentíndose queridos e respectados, así como apoiar o seu desenvolvemento ata que cheguen a ser autosuficientes e se integren na sociedade.
 
Esta organización apoia tamén a familias vulnerables para que podan atender axeitadamente ás súas fillas e fillos, e conta con programas de axuda á mocidade.
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia conta cun programa de protección que crea familias para nenas e nenos que carecen delas, para o que conta cunha aldea infantil, casas de familia, atención a familias en acollemento residencial e acollemento en familia extensa. O programa de prevención e fortalecemento familiar dispón dun centro de atención de día e un servizo de atención a familias. O programa de mozos axuda aos seus usuarios no tránsito á vida adulta, impulsado a súa emancipación e autonomía. 
 
Cáritas Diocesanas de Galicia
 
Cáritas Diocesanas de Galicia está integrada polas cinco Cáritas das dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol.
 
Cáritas desenvolve, a través da súa rede parroquial, interparroquial, arciprestal e diocesana, un labor de apoio a persoas e colectivos en situación de precariedade e/ou exclusión social. A axuda de Cáritas chega a familias desestructuradas, parados de longa duración, inmigrantes, drogodependentes, persoas enfermas e/ou con discapacidade, persoas sen recursos ou sen teito, entre outros colectivos.  En Galicia, Cáritas presta servizos como: atención primaria, comedor social/reparto de alimentos, orientación familiar, atención a alcohólicos e drogodependentes, roupeiro/tenda solidaria, pisos de acollida temporal/ programas de vivenda, formación e bolsa de emprego.
 
Cáritas conta en Galicia con 462 puntos de atención nos que traballan arredor de 220 técnicos contratados e 4.800 voluntarios, que cada ano prestan axuda a milleiros de persoas.
 
COGAMI
 
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do movemento asociativo e da prestación de servizos que satisfagan as necesidades e expectativas do colectivo ao que dirixe os seus esforzos.
Para acadar estes obxectivos, COGAMI ofrece todo tipo de servizos a persoas con discapacidade, familias e asociacións, como información e asesoramento, formación, intermediación laboral, apoio ao autoemprego, centros especiais de emprego, ocio, tempo libre, voluntariado, apoio á asistencia persoal, transporte adaptado e apoio na xestión e fortalecemento de asociacións, entre outras medidas.
 
No ámbito político e representativo, COGAMI colabora con diferentes administracións na implementación de políticas e accións relacionadas coas persoas con discapacidade, participando con outras organizacións en Europa e representando ás súas entidades ante as institucións públicas.
 
COGAMI aglutina actualmente un movemento asociativo integrado por 51 entidades e conta con 11 iniciativas empresariais de economía social nas que traballan preto de 800 persoas, das que o 90% presentan algunha discapacidade.
 
A entrega, no aniversario do Estatuto
 
A entrega da Medalla do Parlamento de Galicia celebrarase coincidindo co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, o 6 de abril de 1981.
 
A deste ano será a terceira edición das Medallas do Parlamento de Galicia. En 2016, as Medallas recaeron nas persoas que exerceron a Presidencia da Cámara galega, mentres que as do ano pasado foron concedidas aos integrantes da denominada “Comisión 16”, autores do anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina