saltar ao contido

Acordos da Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o 5 de abril de 2018

A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 5 de abril de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión

Aprobación por unanimidade con modificacións
- 22416 (10/PNC-001816)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e dous deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para impulsar a extensión da iniciativa EuroVelo Atlántico desde Camiña por toda a costa de Galicia e demandar do Goberno de España un cambio nas condicións de compra dos billetes de Renfe para bicicletas
BOPG n.º 241, do 17.01.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia, dentro da potenciación dos desprazamentos alternativos aos vehículos e a precisa preservación do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, a:
 
1. A seguir traballando na sinalización e promoción da ruta Eurovelo 3 en Galicia, amosando o compromiso con esta rede europea e impulsar e favorecer así, a extensión da Eurovelo 1 ou do Atlántico pola costa de Galicia.
 
2. Que demande ao Goberno do Estado que Renfe desenvolva as modificacións necesarias para que os billetes para bicicletas se poidan mercar na páxina web ou na aplicación móbil de Renfe, que se poidan facer por traxectos efectivos e non completos, e que se estude a posibilidade de adaptar oferta e demanda dos espazos destinados a bicicletas en cada tren, sen diminuír os espazos reservados ao usuario”.
 
- 25067 (10/PNC-001956)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central, así como as actuacións que debe levar a cabo en materia de prevención e protección fronte á contaminación por radon nas vivendas, nos centros de traballo e nos edificios públicos dependentes da Administración autonómica
BOPG n.º 260, do 14.02.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12
deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.Dirixirse ao Goberno de España para demandarlle a aprobación máis pronta posible de:
 
a)Unha modificación do Código Técnico da Edificación no sentido de introducir medidas para a prevención e protección das persoas fronte á exposición á gas radón no interior dos edificios.
 
b)Unha normativa específica sobre a protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ao gas radón a través da cal se regule un procedemento de elaboración, aprobación e implantación dun Plan estatal contra o radón que deberá contar coa participación das Comunidades Autónomas e as entidades locais e co asesoramento do Consello de Seguridade Nuclear.
 
Ese Plan deberá incluír medidas para fomentar a identificación dos edificios públicos, lugares de traballo e vivendas nas que é prioritario favorecer a redución da concentración de radón así como una estratexia de comunicación para aumentar a concienciación entre responsables públicos e axentes sociais.
 
2. Desenvolver, en coordinación co Goberno de España e o Consello de Seguridade Nuclear, o devandito Plan contra o radón nas vivendas e nos centros de traballo, procurando a implicación de todas as administracións e contando co asesoramento dos centros especializados nesta materia.
 
3. Ata o momento da aprobación dese Plan, continuar financiando, a través das axudas de rehabilitación da Xunta de Galicia, que xa o prevén, as actuacións de eliminación do radón en vivendas, co cofinanciamento, ademais, das liñas do Plan estatal de Vivenda 2018-2021 cando entre en vigor."

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 27838 (10/PNC-002157)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Grupo Parlamentario de En Marea
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa perigosidade que presenta para as persoas usuarias, en especial para os peóns ciclistas, a estrada N-550, A Coruña-Tui
BOPG n.º 280, do 21.03.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia que demande do Goberno do Estado, con relación á estrada nacional N-550, a:
 
1. Creación de beiravías transitables do maior ancho posible, dende a estación de servizo Repsol ata o cruce da EP-0105.
 
2. Que instale sinalización vertical coa obriga de adiantar afastándose 1,5 metros dos ciclistas e da advertencia da súa presencia, cando menos, cada 2 quilómetros no tramo Bértola-Pontevedra.
 
3. Que estableza a redución da velocidade a 50 km/h no tramo de concentración de accidentes e nos lugares onde estea permitido o estacionamento de vehículos.
 
4. Que adecúe a N-550 aos preceptos do Regulamento Xeral de Circulación de 2003, especialmente aos artigos 50 e 90 sobre estacionamento e parada dos vehículos na vía pública.
 
5. Que mellore a iluminación da estrada N-550
 
6. Que busque fórmulas de fomento de uso da estrada AP-9 no tramo Vilaboa-Pontevedra para reducir a cantidade de tráfico da N-550 e, polo tanto, do risco de atropelo.
 
7. Que fomente que a vía verde sexa una prioridade para a mobilidade en bicicleta e un atractivo turístico para a comarca, cedendo ADIF de vías de tren sen uso do tramo Pontevedra-Pontesampaio.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina