saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de abril de 2018

4.1 8161 (10/PNP-000757)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Blanco Rodríguez, Noela e 2 máis
Sobre o incremento por parte do Goberno galego do número de postos de traballo dos equipos de valoración da discapacidade en Galicia co fin de eliminar as listas de espera
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 109, do 03.05.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incrementar o número de postos de traballo  dos equipos de valoración da discapacidade da nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de eliminar a lista de espera antes de finais de novembro de 2018, tanto nas solicitudes como nas revisións das valoracións de discapacidade”.
 
4.3 26713 (10/PNP-001893)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Antón Vilasánchez, María Ángeles e 8 máis
Sobre o establecemento pola Xunta de Galicia de medidas que fortalezan o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como a elaboración dun programa de colaboracións cos centros de estudos xacobeos
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 267, do 27.02.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a establecer unha serie de medidas e accións que fortalezan o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago así como elaborar un programa de colaboracións cos Centros de Estudos Xacobeos”.
 
4.5 27382 (10/PNP-001952)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 11 máis
Sobre o impulso polo Goberno galego das reformas legais oportunas para que a Xunta de Galicia poida defender os dereitos das vítimas e exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón da situación familiar consecuencia da maternidade da muller
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 276, do 14.03.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
• Promover as reformas legais oportunas para que a Xunta poda defender os dereitos das vítimas e exercer a acción penal nos xuízos por delitos de discriminación derivada ou por razón da situación familiar consecuencia da maternidade da muller.
 
• Que se dirixa ao Goberno de España para proceder ao recoñecemento do mobbing maternal.
 
• Garantir e asegurar a defensa dos dereitos das vítimas, procurando a asistencia integral con asesoramento psicolóxico e o acompañamento nos xulgados ata a finalización do procedemento, así como o asesoramento laboral, penal e procesual das vítimas da violencia contra a muller poñendo todos os medios económicos e humanos a disposición das mulleres e as súas crianzas e axudando a paliar ata erradicar a violencia contra as mulleres”.

4.9 28329 (10/PNP-002041)
Grupos Parlamentarios Popular de Galicia,  de En Marea, dos Socialistas de Galicia e do Bloque Nacionalista Galego
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación co Manifesto para a flexibilización da obriga de desembarque das capturas realizadas pola frota da Unión Europea, elaborado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 284, do 27.03.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio ao MANIFESTO PARA A FLEXIBILIZACIÓN DA OBRIGA DE DESEMBARQUE DAS CAPTURAS REALIZADAS POLA FLOTA DA UE, elaborado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS)”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina