saltar ao contido

O Parlamento de Galicia conmemora en 2011 o seu XXX aniversario como alicerce da vida democrática

A titular da Cámara, Pilar Rojo, presentou hoxe un avance das actividades previstas, marcadas pola austeridade e orientadas a contribuir e poñer en valor as institucións autonómicas
 
 
 
• Convidará a todos os deputados e exdeputados a un acto institucional conmemorativo, publicará un libro sobre as tres décadas de historia da institución e programará un ciclo de charlas nos institutos con participación de exparlamnetarios das tres forzas políticas galegas
 
• Rojo Noguera pretende implicar na celebración a deputados, xornalistas e funcionarios da Cámara, como protagonistas imprescindibles para interpretar a traxectoria da institución
 
 
Santiago, 17 de decembro de 2010.- O Parlamento de Galicia celebrará, ao longo do ano próximo, 2011, o seu XXX aniversario cunha serie de actividades que, máis aló da austeridade que debe impregnar calquera programación neste momento, buscarán a posta en valor das institucións autonómicas, e particularmente do poder lexislativo, como alicerce da vida democrática.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presentou hoxe, nunha rolda de prensa celebrada na sede da institución, un avance das actividades que está a programar para conmemorar os 30 anos transcorridos desde o 19 de decembro de 1981, data de constitución da primeira lexislatura da Cámara autonómica.
 
Libro recompilatorio
 
Para iso, o Parlamento de Galicia editará un libro no que se recompilarán esas tres décadas de historia e no que terán un protagonismo destacado os deputados máis veteranos que, de feito, xa foron invitados a colaborar.
 
A edición deste libro xurde logo de constatar que non existe publicación algunha que recolla a actividade desenvolvida polo Parlamento nestes trinta anos; os momentos máis importantes e significativos deste longo período de vida parlamentaria galega.
 
De aí a oportunidade deste libro, que ofrecerá un percorrido polas oito lexislaturas desde 1981, tomando como base un extenso material documental, gráfico e testemuñal.
As actividades, os feitos e as imaxes máis destacadas, únense ás testemuñas persoais dos presidentes da Xunta e do Parlamento, os membros das Mesas, así como dos deputados e deputadas que máis destacaron nas súas actividades propias.
 
Simultaneamente, o Parlamento de Galicia organizará un acto institucional ao que ten previsto convidar a todos os deputados en exercicio, pero tamén a todas aquelas persoas que nalgún momento ocuparon un escano na Cámara autonómica. Máis adiante, o 19 de decembro de 2011, dentro de un ano, celebrarase unha sesión especial conmemorativa na sede do Parlamento de Galicia.
 
Charlas itinerantes para alumnos de secundaria
 
Outro dos puntais desta celebración será un ciclo de charlas itinerantes en diferentes centros de ensino secundario da Comunidade Autónoma, organizadas pola asociación de ex-deputados do Parlamento de Galicia. En cada unha destas actividades participará un representante de cada un dos partidos con representación actual no Parlamento de Galicia.
 
Con esta programación,  o Parlamento busca dar a coñecer entre os estudantes galegos a realidade e o funcionamento da Cámara lexislativa, tratando de superar o descoñecemento que rodea a algunhas das institucións democráticas e buscando superar, tamén, o desinterese que en ocasións suscita a vida política.
 
Deputados, xornalistas e deputados
 
Con todo, Rojo Noguera pretende implicar na celebración deste XXX aniversario a deputados autonómicos, xornalistas que cubriron e cobren información parlamentaria e funcionarios da Cámara, por considerar que estes tres colectivos son protagonistas imprescindibles para interpretar a traxectoria da institución.
 
Esta programación, á que poderían sumarse novas actividades ao longo do ano, é froito dun longo proceso de reflexión, orientado a lograr actividades susceptibles de implicar aos diferentes colectivos aos que van dirixidas.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina