saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de maio de 2018


5.2 24025 (10/PNP-001737)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Xustiza en relación coa creación de novas unidades xudiciais en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 250, do 31.01.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“1.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Xustiza para que continúe,  con  cargo  á  nova  programación  2018,  coa  creación  de  novas  unidades xudiciais en Galicia, que de xeito consensuado propoña a Comisión Mixta, en atención a   necesidades  obxectivas  e  estruturais  de  carga  de  traballo  e  o  número  de  unidades que lle sexan asignadas á Comunidade Autónoma.
 
2.- Asemade, e coa mesma vontade de garantir e mellorar o servizo de administración de Xustiza e evitar retrasos indebidos nos procedementos, o Parlamento de Galicia manifesta que, unha vez que a Xunta de Galicia ten presentado ante as organizacións sindicais con representación no eido xudicial unha oferta que da cumprimento aos cinco puntos do acordo parlamentario acadado sobre a Moción nº de rexistro 21265 e particularmente ao primeiro punto referido ás retribucións deste persoal, urxe proceder a unha solución inmediata do conflito a través da sinatura por parte das organizacións sindicais do acordo nos termos propostos pola Xunta e que coinciden  co mandato unánime expresado por este Parlamento o 19 de decembro de 2017.
 
3.- Do mesmo xeito, en coherencia con ter expresado a súa firme vontade de favorecer a resolución do conflito sindical, o Parlamento de Galicia manifesta a súa enérxica condena ás actitudes amosadas por un sector sindical contra as persoas traballadoras da administración de xustiza que acudiron o pasado 27 de abril a expresar a súa libre vontade sobre o fin do conflito no eido da xustiza”.

 
5.8 29902 (10/PNP-002197)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 7 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación co proceso de integración europea, así como os principios que deben inspirar a acción exterior e as demandas da Xunta de Galicia ante as institucións europeas ao respecto.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 296, do 25.04.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia:
 
1.- Acorda proclamar o seu decidido apoio ao proceso de integración europea, para culminar axiña unha Unión máis estreita, un mercado interior tan eficiente como equitativo e xusto e unhas Institucións que enchan plenamente de contido a divisa de “Unida na diversidade”, que sintetiza o cerne da nosa Unión.
 
Este decidido apoio ao proceso de integración europea considera prioritario o piar europeo de dereitos socias, aprobado conxuntamente polo Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión o pasado 17 de novembro de 2017 durante o Cumio Social en favor do Emprego xusto e o crecemento celebrado en Gotemburgo, Suecia, outorgándolle á cidadanía novos dereitos sociais e máis efectivos, nos tres seguintes eixos:
- A igualdade de oportunidades e de acceso ao mercado de traballo.
- Condicións de traballo xustas.
- A protección e a inclusión social.
 
Galicia reivindica o Proxecto Europeo como modelo de integración social, económica, xurídica e democrática, que salvagardando as identidades propias de cada territorio, busca de forma decidida impulsar  un modelo de convivencia pacífica, solidaria, próspera e en igualdade, contraria aos modelos de sociedade individualista, especulativa e xenófoba. Europa precisa reconstruír un  modelo social tronzado pola Gran recesión; Galicia, en Europa, aposta por restaurar un novo contrato social, onde o desenvolvemento económico teña como eixe principal unha sociedade plural e sen as desigualdades actuais.
2- Nese sentido, insta á Xunta de Galicia a desenvolver a súa acción exterior e as súas demandas ante as institucións europeas a través dos seguintes principios:
 
- Reforzar o principio de confianza mutua e cooperación leal entre os Estados membros que compoñen a Unión Europea, en todos os eidos e todos os ámbitos. Estes principios vinculan inexorablemente a todos os poderes públicos de todos os Estados membros e son indispensables para garantir de xeito efectivo os dereitos, liberdades e principios enunciados na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.
 
- Manifestar a necesidade de vigorizar a diversidade cultural e lingüística europea, igualmente amparada no artigo 3 do Tratado da Unión e no 165 e 167 do seu Tratado de funcionamento.
 
- Intensificar a cohesión económica, social e territorial inserida nos artigos 174 e concordantes deste último Tratado, en especial no que atinxe ao mantemento das políticas de cohesión, ao reforzo das políticas de cooperación transfronteiriza e ao impulso das conexións ferroviarias.
 
- Afondar na subsidiariedade, pensando en especial nas rexións, estados federados e comunidades con competencias lexislativas, que debe materializarse en novos pulos ao Comité das Rexións, elevando as súas competencias, mellorando a súa interlocución co Parlamento Europeo, co Consello e coa Comisión Europea, dotándoo de plena lexitimación perante o Tribunal de Xustiza, e todo en liña co plasmado na vixente Estratexia Galega de Acción Exterior.
 
- Reclamar unha mellor arquitectura da Unión Económica e Monetaria, que permita afrontar coa debida seguridade hipotéticas crises futuras e actuar proactivamente para defender os dereitos sociais dos nosos cidadáns, con iniciativas como a cofinanciación dos seguros de desemprego e a verdadeira europeización da formación profesional e da educación en xeral das novas xeracións, nun mercado interior idéntico en esencia a calquera mercado nacional.
 
- Facer fincapé na urxente necesidade de redefinir o modelo fiscal europeo para limitar a competencia desleal entre estados membros, reforzando a normativa para unha estrita loita contra a evasión, a elusión fiscal e o blanqueo de capitais, tanto a nivel da Unión como nacional, nun contexto de necesaria actuación global. Os indicadores de `Bo goberno fiscal´ deben integrar a axenda europea.
 
A cooperación transfronteiriza en materia de IVE e harmonización fiscal das bases tributarias do imposto de sociedades deben de contribuír a esta nova política fiscal europea, que esixe unha maior transparencia por parte de todos os axentes, públicos e privados, que interveñen nas transaccións financeiras.
 
- Despregar toda a acción política precisa para que Galicia, no vindeiro Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 que ven de propoñer a Comisión Europea, non perda peso nas políticas de agricultura e pesca (axudas da PAC) nin nos fondos de cohesión, apostando por un maior incremento do orzamento comunitario que tamén aposte polos mozos e mozas, os programas de investigación e desenvolvemento, a loita contra o cambio climático e a solidariedade en materia migratoria”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina