saltar ao contido

Declaración institucional polo Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia


 
Neste día celebramos a eliminación da homosexualidade da lista de trastornos mentais por parte da Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), que tivo lugar o 17 de maio de 1990.
 
Un día coma este é fundamental para poñer de relevancia a importancia de seguirmos avanzando en materia de dereitos e igualdade real e efectiva do colectivo LGTBI+ (lesbianas, gays, transexuais, bixexuais).
 
Pese ao avance nos últimos anos en materia de lexislación neste asunto, a día de hoxe seguimos observando na nosa sociedade casos de discriminación, bullying e LGTBI+fobia.
 
O pasado 1 de marzo o Parlamento Europeo aprobou o Informe sobre os dereitos fundamentais na Unión en 2016. Nel dáse conta da situación da poboación LGTBI+ e insta os países membros da Unión a que apliquen as medidas oportunas para acabar coa discriminación.
 
Fálase da necesidade do recoñecemento supraestatal das unións entre persoas do mesmo sexo, así como aposta pola despatoloxización da transexualidade e a prohibición das
terapias reparadoras da orientación sexual.
 
Este informe vai na senda marcada polos principios de Yogyakarta do 2006 e a Declaración conxunta da ONU do 2015 convocando os estados a actuaren urxentemente para acabar coa violencia e a discriminación contra os adultos, adolescentes e nenos LGBTI.
 
Neste día, o Parlamento de Galicia defende a necesidade de reactivar o debate e o traballo arredor da protección deste colectivo, para evitar que perdamos máis vidas como a de Ekai, Carla e Thalia.
 
Busquemos a igualdade real e efectiva!!!
 
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina