3.3 31372 (10/MOC-000093)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e as actuacións que debe levar a cabo para garantir a plenitude dos dereitos das persoas galegas retornadas (Moción a consecuencia da Interpelación nº 2127, publicada no BOPG nº 28, do 14.12.2016, e debatida na sesión plenaria do 22.5.2018)
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a tomar todas as medidas precisas para garantir o retorno dos galegos e galegas emigrantes en plenitude de dereitos, e a tal efecto:
1º. Dirixirase o Goberno central para establecer con carácter de urxencia un procedemento de homologación das pensións do estranxeiro coas pensións da Seguridade Social para que, as que sexan por incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez que están exentas do IRPF, se exclúan de calquera requirimento que se faga a efectos fiscais.
Namentres non se dispoña esta homologación, paralizaranse os requirimentos que a Administración tributaria está a facer aos emigrantes retornados con pensións públicas do estranxeiro, non procedendo a iniciar actuacións de xestión, investigación ou liquidación do IRPF para estes supostos.
2º. Impulsará o inmediato cumprimento dos acordos transaccionados na Proposición non de lei 8571 do Grupo dos Socialistas de Galicia na sesión do pleno do Parlamento de Galicia celebrada o 24 de maio de 2017.
3º. Dirixirase o Goberno central, en tanto os galegos residentes en España non volvan recibir o pagamento das pensións con cargo á Seguridade Social de Venezuela, a dar efectivo cumprimento ao acordado na Proposición non de lei aprobada pola Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados na súa sesión do pasado 13 de decembro de 2017, sobre medidas para paliar a situación de desprotección xerada aos pensionistas afectados pola prolongada suspensión do pagamento das súas pensións por parte do Goberno de Venezuela, presentada polo Grupo Parlamentario Socialista.
4º. Modificar o criterio de xestión e concesión das pensións non contributivas por parte da Consellería de Política Social mentres se dan as circunstancias expostas no parágrafo anterior, para incluír a efectiva percepción doutra pensión sempre que o Imserso adopte este criterio nas súas instrucións.
5º. Dada a crítica situación dun gran número de galegas e galegos retornados de Venezuela que levan máis de dous anos sen percibir as súas pensións do Goberno daquel país, a Xunta de Galicia establecerá un protocolo especial para a atención integral deste colectivo”.