saltar ao contido

O presidente da Calre refrenda coa súa presenza en Santiago o apoio dos parlamentos de 74 rexións europeas ao Xacobeo

 A Conferencia de presidentes de parlamentos rexionais de Europa aprobou, en outubro pasado, unha declaración institucional de apoio aos Camiños de Santiago e ao Xacobeo proposta pola titular do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera
 
 
 
• Pilar Rojo reunise esta mañá con Giovanni Kessler, que se atopa en Santiago para participar nos actos de clausura do Xacobeo 2010
 
Santiago, 30 de decembro de 2010.- O presidente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), e presidente do Consello da rexión autónoma de Trento, Giovanni Kessler, refrenda coa súa asistencia aos actos de clausura do Xacobeo 2010 o apoio dos parlamentos rexionais de 74 rexións europeas aos Camiños de Santiago e aos fenómeno xacobeo no seu conxunto.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, reunise esta mañá con Giovanni Kessler, ao que lle agradeceu a súa presenza en Santiago, por entender que con este xesto reafirma o respaldo que as asambleas lexislativas rexionais de Europa ofreceron ao Xacobeo nunha declaración institucional aprobada en outubro pasado, en Trento (Italia), no transcurso da XIV Asemblea Plenaria da CALRE.
 
Rojo propuxo a declaración de apoio ao Xacobeo en Europa
Esta declaración institucional fora proposta pola presidenta do Parlamento de Galicia, que aproveitou a súa participación na reunión de Trento (Italia) para promocionar o Xacobeo 2010 e a Galicia como meta dos Camiños de Santiago, como xa fixera anteriormente, o 20 de setembro, ao reunir en Santiago aos presidentes das cámaras lexislativas autonómicas de España.
A declaración de Trento recorda as orixes do Camiño de Santiago, “un fenómeno cultural e relixioso sen parangón en Europa desde a Idade Media” e constata que o Xacobeo 2010 presenta  unha afluencia de visitantes “nunca antes rexistrada”.
 
O Plenario da CALRE expresa o seu “apoio” á celebración do Ano Santo Xacobeo 2010 e reitera o seu respaldo aos Camiños de Santiago, “como parte da historia de España e de Europa, así como patrimonio mundial recoñecido pola Unesco”.
 
Os parlamentos rexionais europeos recoñecen aos Camiños de Santiago e as diferentes expresións asociadas a esta ruta de peregrinación como un “símbolo de espiritualidade, cosmopolitismo, europeísmo e respecto  ás diferentes sensibilidades, culturas e relixións”
 
A declaración institucional insta ás institucións europeas a “manter vivo o legado dos camiños de Santiago, conservándoos e poñendo en valor todo o seu potencial como parte importante da cultura europea e patrimonio común”.
 
Traslación e peche da Porta Santa
 
Giovanni Kessler asistiu hoxe na Catedral de Santiago ao acto que cada ano conmemora a traslación dos restos do Apóstolo, e no que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, actuou como delegado rexio. Mañá venres, ten previsto asistir ao peche da Porta Santa co que se clausura o Ano Santo Compostelano de 2010. 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina