saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de setembro de 2018


 
5.1 29845 (10/PNP-002192)
 Grupo Parlamentario de En Marea
 Sánchez García, Antón
 Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación co protocolo asinado o 18 de abril de 2018 co Ministerio de Fomento, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria sobre os terreos do porto da Coruña, a revisión dos convenios portuarios de 2004 e a proposta do Concello da Coruña ao respecto
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 299, do 03.05.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
Dirixirse ao Goberno central para que impulse os plans de investimentos de Portos do Estado en Galicia, así como as necesarias medidas normativas e orzamentarias  que garantan ás autoridades portuarias galegas os necesarios mecanismos de financiamento dos programas de investimento previsto en cada unha delas e a asunción das cargas financeiras contraídas pola execución das infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.
2. En relación coa situación da Autoridade Portuaria de A Coruña, e dada a súa especial relevancia, tanto en termos de débeda como das previsións para a súa amortización en relación coa venta de terreos da súa fachada marítima-portuaria:
 
2.1 Instar ao Goberno do Estado a condonar o préstamo
concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, ou, no seu caso, conceder as axudas económicas equivalentes ou as medidas procedentes que se acorden, conducentes, en calquera caso, á amortización efectiva e global de dito préstamo, acordando para isto a aprobación dos actos e disposicións normativas e orzamentarias que correspondan para o exercicio 2019.
2.2 Instar ao Ministerio de Fomento a convocar, no menor prazo, a Comisión de Seguimento do Convenio de febreiro de 2004 co fin de negociar un protocolo de colaboración que, teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004 e, con ela, a do PXOM do 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade, baseado nos seguintes principios básicos: titularidade e xestión pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios.
2.3 Instar ao Ministerio de Fomento, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, ADIF, ao Concello da Coruña e a propia Xunta de Galicia, a constituir un ente público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral.
 2.4 Instar ao Ministerio de Fomento e Portos do Estado a impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira sen aportación económica da Autoridade Portuaria da Coruña e, a tal efecto, demandar a correspondente inclusión de orzamento axeitado e suficiente, tanto no Plan de Investimentos de Portos do Estado e ADIF como na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o 2019, de xeito que poida ser licitada no primeiro semestre de dito exercicio. Do mesmo xeito, instar ao conxunto de administracións e entidades portuarias estatais competentes a incrementar os esforzos na plena operatividade, conectividade e promoción internacional do Porto Exterior.
 3. Que solicite, a través dos seus representantes no Consello de Administración das autoridades portuarias galegas, a celebración de cadanseu Consello de Administración extraordinarios para que formalmente se dirixan ao Ministerio de Fomento-Portos do Estado co obxectivo de demandar o sinalado nos apartados 1 e 2 do presente acordo.
 
4. Trasladar o presente acordo ao Concello da Coruña,  Ministerio de Fomento, Portos do Estado, Autoridades Portuarias dos portos de interese xeral do Estado en Galiza, ADIF, así como ás Cortes Xerais e aos grupos parlamentarios de Congreso e Senado. ”
 
5.6 34518 (10/PNP-002592)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Calvo Pouso, Diego e 6 máis
 Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia diante do Goberno do Estado en relación coas centrais térmicas de carbón das Pontes e Meirama
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 349, do 31.08.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:
 
Primeiro.- Que se constitúe de inmediato o Grupo de traballo anunciado pola ministra de Industria e Turismo no que se integren ás Comunidades Autónomas para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes, entre elas as de Meirama e As Pontes.
 
Segundo.- Que se instauren canto antes os mecanismos de capacidade suprimidos (pagos por dispoñibilidade) de acordo cos criterios establecidos pola UE para as centrais térmicas de carbón máis viables económica e ambientalmente.
 
Terceiro.- Que se faga efectivo o mecanismo de apoio, por un importe de 20 millóns de euros, para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas de carbón, con sometemento aos requisitos e límites previstos na normativa de axudas de estado da Unión Europea contemplado na Lei 6/2018, do 13 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 na súa disposición adicional centésimo oitava”.
 
5.8 35292 (10/PNP-002629)  (c.e. 35426)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Fernández Prado, Martín e 14 máis
 Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co anuncio do Goberno central referido á asunción da débeda financeira xerada no porto de Valencia.
 Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 349, do 31.08.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Esixir do Goberno de España a igualdade de trato e consideración entre as diferentes autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia nos termos relativos ao financiamento e asunción das débedas contraídas pola acometida de infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.
 
2. Achegar unha compensación económica semellante, nos termos xurídicos e administrativos equivalente ou análogos ás decisións adoptadas para o caso do porto de Valencia, e libere ás autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas para acometer os investimentos en infraestruturas loxísticas ou portuarias ou ben achegar os recursos económicos necesarios ou equivalentes para a execución de actuacións semellantes naqueles casos onde se atopen en fase de estudo.
 
3. Solicite a través dos seus representantes no Consello de Administración das autoridades portuaria galegas a celebración de cadanseus Consello de Administración extraordinarios para que, formalmente, se dirixan a Puertos del Estado co obxectivo de establecer a vía para a liberación de débedas ou compensación de investimentos do xeito que estimen oportuno xurídica e administrativamente”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina