• O presidente da Cámara recibiu ao participantes no exterior do Pazo do Hórreo, onde anunciou que o Parlamento traballa na mellora dos seus accesos
Santiago, 25 de setembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este mediodía, no exterior do Pazo do Hórreo, aos participantes na xornada Ponte no meu lugar, organizada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para concienciar á sociedade en relación coas dificultades que atopan os usuarios e usuarias de cadeira de rodas na súa vida cotiá.
A actividade enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que dedica este martes, 25 de setembro, á mobilidade reducida. Entre os participantes na iniciativa figuraban integrantes do Parlamento de Galicia, convidados por COGAMI.
O presidente do Parlamento asistiu ás explicacións ofrecidas por representantes de COGAMI e sinalou que “tomamos boa nota” desta realidade.
Santalices Vieira anunciou que o Parlamento de Galicia está a traballar para a execución de melloras nos accesos á súa sede para, entre outros obxectivos, facilitar o desprazamento das persoas con mobilidade reducida. Recordou que a Cámara vén de incorporar unha persoa con discapacidade intelectual ao seu cadro de persoal e traballa nunha convocatoria orientada a persoas con discapacidade física.