saltar ao contido

Resolucións aprobadas no Debate anual de política xeral

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 9 de outubro de 2018 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 36952, 10/DEBA-000002), as seguintes resolucións:

1.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar medidas de protección sobre o medio ambiente, levando a cabo as seguintes actuacións:
1. Aprobar, antes de que remate o seguinte período de sesións, os plans de xestión dos parques naturais e parque nacional e rematar, antes de que finalice a lexislatura, os plans de xestión para todos os hábitats da Rede Natura 2000.
2. Incluír, dentro da loita contra o cambio climático, criterios ambientais nos procedementos de contratación pública da Xunta de Galicia.
3. Continuar realizando campañas de sensibilización sobre as consecuencias negativas para o medio ambiente do consumo de macro a microplásticos e das medidas tendentes cara á súa redución.
4. Impulsar as modificacións normativas pertinentes para os efectos de poder establecer unha distancia mínima das vivendas e dos núcleos de poboación á que se poidan instalar, en solo rústico, as plantas de tratamento de residuos”.
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 25 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

2.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a, no ámbito da xustiza e exercendo as súas competencias:
1) Tomar medidas para que as novas oficinas xudicial e fiscal estean implantadas nos xulgados das sete grandes cidades galegas e en todos os órganos cabeceira de partido xudicial.
2) Garantir a funcionalidade da sede xudicial electrónica a través de plataformas dixitais actualizadas e eficaces.
3) Acelerar a execución do Plan de infraestruturas xudiciais 2010-2015.
4) Cumprir o Decreto 124/2014, do 11 de setembro, respecto do número de oficinas e da ratio ideal por fiscalía.
5) Impulsar os cambios normativos necesarios para permitir o desenvolvemento dos procedementos ante as forzas e corpos de seguridade e dos procesos xudiciais en lingua galega, conforme recomenda o IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”.
Aprobada por 68 votos a favor, ningún en contra  e 5 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 26 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

3.ª  Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a impulsar e abrir novos obxectivos na súa política de vivenda comprometéndose a:
1) Ampliar progresivamente o peso do parque de vivenda pública, mediante a promoción de vivendas novas ou rehabilitadas, singularmente naqueles concellos cunha maior demanda non atendida, co obxecto de duplicar o parque de vivenda actual a cinco anos vista, e apostando preferentemente polo réxime de alugamento.
2) Crear programas específicos dirixidos a colectivos singulares, en particular colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, desafiuzamentos, persoas maiores e mozos e mozas que pretendan acceder á vivenda en alugamento, con especial atención ás provenientes de rehabilitacións en cascos históricos, con axudas de ata un 40 % en función dos ingresos anuais e o carácter da área na que se sitúe a vivenda”.
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 27 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

4.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar e incidir, dentro das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aquelas que permitan:
- Mellorar a accesibilidade aos servizos, coa consolidación dunha rede integral de CIM en todo o territorio, atención especializada ás vítimas e plans específicos que favorezan a prevención da violencia no rural galego, cun estudo previo da realidade específica desta poboación.
- Poñer en práctica as medidas número 3 e 183 do Pacto, no que se menciona a posta en marcha de medidas dentro do ámbito educativo para a prevención e detección das violencias sexuais, incidindo na educación afectivo-sexual obrigatoria en todos os niveis educativos.
- Atallar a revitimización e falta de credibilidade social das vítimas mediante a posta en marcha de campañas que focalicen o rexeitamento ao maltratador e a necesaria formación e desexada especialización de todas as persoas implicadas na atención ás vítimas de violencia.
Aprobar medidas no ámbito xudicial e de Igualdade, tales como facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia sobre o itinerario e procedemento máis seguros no seu percorrido xudicial; habilitar espazos independentes para evitar o cruzamento entre vítimas e agresores na medida en que a estrutura do edificio o posibilite; facilitar unha maior formación específica e periódica aos traballadores dependentes da Xunta de Galicia; así como demandar ao Goberno do Estado a comarcalización dos servizos do Imelga (especialmente as Unidades de Valoración Forense), as Oficinas de Atención ás Vítimas e a Policía Xudicial, de xeito consensuado coa Comisión Mixta que existe co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
Aprobada por 67 votos a favor, ningún en contra e 5 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 36 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

5.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a opoñerse a calquera proceso de recentralización de funcións ou competencias daquelas comunidades autónomas que exercen o autogoberno de acordo co principio de lealdade constitucional á Administración xeral do Estado, ao mesmo tempo que leve a cabo todas as actuacións políticas posibles para acadar o máximo nas cotas de autogoberno para Galicia en concordancia co establecido na Constitución española”.
Aprobada por 54 votos a favor e 19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 40 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

6.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
- Proceder á convocatoria dunha mesa de traballo coas deputacións, a Fegamp, os concellos e entidades de protección animal para facer un seguimento da aplicación da Lei e propoñer medidas que a fagan realmente efectiva.
- Desenvolver campañas activas de comunicación e información, ou o apoio ás que poderían desenvolver as asociacións e protectoras, para promover a adopción e bo trato aos animais, implicando de maneira efectiva aos medios públicos de Galicia.
- Poñer en marcha de inmediato un estudo sobre as infraestruturas de protección animal existentes en Galicia e a súa situación de mantemento e saturación.
- Adquirir o compromiso real e efectivo de que se cumprirá o precepto de sacrificio cero que marca a Lei dentro dos prazos previstos”.
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. de En Marea  verbo da proposta de resolución núm. 29  do G.P. de En Marea)

7.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia á elaboración dun mapa de solos oficial que clasifique os solos en función da súa aptitude e que inclúa un catálogo de solos de alta produtividade agropecuaria en todo o territorio, antes do ano 2020, na liña das recomendacións do Ditame da Comisión parlamentaria creada a raíz dos incendios forestais do mes de outubro do 2017”.
Aprobada por 68 votos a favor, ningún en contra e 5 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. de En Marea  verbo da proposta de resolución núm. 32  do G.P. de En Marea)

8.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia, con base no acordo da sesión do 24 de xaneiro de 2017 polo que se demandaba promover un Pacto galego contra a violencia de xénero, no marco da Comisión non permanente para a igualdade, insta a finalizar os seus traballos antes de que finalice o vixente período de sesións.
Ademais, o Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar e incidir, dentro das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aquelas que permitan:
1. Mellorar a accesibilidade aos servizos, coa consolidación dunha rede integral de CIM en todo o territorio, atención especializada ás vítimas e plans específicos que favorezan a prevención da violencia no rural galego, cun estudo previo da realidade específica desta poboación.
2. Poñer en práctica as medidas número 3 e 183 do Pacto, no que se menciona a posta en marcha de medidas dentro do ámbito educativo para a prevención e detección das violencias sexuais, incidindo na educación afectivo-sexual obrigatoria en todos os niveis educativos.
3. Atallar a revitimización e falta de credibilidade social das vítimas mediante a posta en marcha de campañas que focalicen o rexeitamento ao maltratador e a necesaria formación e desexada especialización de todas as persoas implicadas na atención ás vítimas de violencia.
4. Aprobar medidas no ámbito xudicial e de Igualdade, tales como reforzar as Oficinas de Atención á Vítima nos xulgados e a provisión de asistencia xurídica así como habilitando unha ‘quenda de oficio’ de atención psicolóxica, facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia sobre o itinerario e procedemento máis seguros no seu percorrido xudicial; habilitar espazos independentes para evitar o cruzamento entre vítimas e agresores na medida en que a estrutura do edificio o posibilite.
5. Impulsar o cumprimento das medidas recollidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, tales como facilitar unha maior formación específica e periódica aos traballadores dependentes da Xunta de Galicia.
6. Implementar novas prestacións nos casos de orfandade como consecuencia da violencia de xénero e que protexa en xeral os menores da violencia machista.
7. Demandar ao Goberno do Estado a comarcalización dos servizos do Imelga (especialmente as Unidades de Valoración Forense), as Oficinas de Atención ás Vítimas e a Policía Xudicial, de xeito consensuado coa Comisión Mixta que existe co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
Aprobada por 54 votos a favor,  ningún en contra e 19 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo das propostas de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia e núm. 36 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

9.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do goberno de España a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes, tendo en conta o calendario electoral, en cumprimento do compromiso acadado na VI Conferencia de Presidentes celebrada o 17 de xaneiro de 2017 de celebrar anualmente a conferencia, e a solicitar que nela se retomen as negociacións encamiñadas a deseñar un novo modelo de financiamento autonómico e local a partir do informe técnico xa realizado polos expertos designados polas distintas administración autonómicas así como a defender nesas negociacións a postura fixada polos acordos acadados neste Parlamento no pasado ano”.
Aprobada por 54 votos a favor,  19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia)

10.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia reafirma a súa defensa do modelo de Estado social, democrático e de dereito recoñecido pola Constitución Española de 1978, así como do modelo territorial descentralizado desenvolvido a través dela e, nese sentido, insta a Xunta de Galicia a defender que as eventuais reformas que se poidan efectuar na organización do poder entre niveis de goberno en España fagan énfase nos aspectos cooperativos mediante o impulso e adaptación á realidade española das institucións propias dos sistemas políticos descentralizados, particularmente un Senado que potencie o seu papel de Cámara de representación territorial. Nese sentido, insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Senado para solicitarlle a inmediata reactivación dos traballos da ponencia constituída no seu seo para abordar a súa reforma e a conclusión dos seus traballos e ao Congreso para impulsar e rematar os traballos da Comisión para a Avaliación e a Modernización do Estado Autonómico”.
Aprobada por 54 votos a favor,  19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 6  do G.P. Popular de Galicia)

11.ª  Resolución
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a, no marco da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia, priorizar a atención ao noso rural garantindo en todo caso a atención ás zonas máis dispersas en colaboración con concellos e deputacións, con medidas como a implantación dunha área de transporte única que permita estender a toda Galicia os beneficios da Tarxeta TMG e da Tarxeta Xente Nova ou a oferta de servizos axeitados a cada zona evitando que circulen autobuses baleiros ao tempo que se atenda o maior territorio posible aproveitando os beneficios que ofrecen modalidades como os transportes a demanda e de uso compartido garantindo, no caso de transporte a demanda, un funcionamento dos distintos sistemas de demanda acaído ao perfil e necesidades dos usuarios”.
Aprobada por 54 votos a favor,  19 en contra e ningunha abstención.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 20  do G.P. Popular de Galicia)

12.ª  Resolución
“O Parlamento insta a Xunta a adoptar as medidas que sexan necesarias, antes de finalizar a presente lexislatura, para impulsar a solicitude de admisión de Galicia como membro na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Así mesmo, insta o Goberno galego a desenvolver de maneira real e efectiva a Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua e cultura portuguesas convocando prazas docentes de portugués na vindeira oferta pública de emprego dirixida ao ensino e a dotar de orzamento nas contas para 2019 a aplicación desta lei.”
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

13.ª  Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a defender como aspectos máis relevantes da reforma da PAC a recuperación de instrumentos de regulación de mercado eficaces, financiados con cargo ao orzamento comunitario; que as axudas directas se vinculen ao mantemento da actividade agraria, aínda que se desvinculen dunha produción concreta (e sobre todo dos volumes de produción); que o apoio á renda dos produtores estableza unha axuda única para toda a UE por unidade de traballo, introducindo de modo adicional unha modulación en función do tamaño das explotacións e outros criterios (características da zona, apoio a sistemas produtivos menos dependentes de inputs externos,...). Así mesmo, o orzamento para a PAC deberá manterse nos seus niveis actuais en termos reais, e para asignar os recursos FEADER, no caso das rexións que como Galicia manteñen unha posición periférica en termos económicos e unha elevada dependencia relativa da actividade agraria, estas terán unha consideración específica, no caso concreto do leite a posible obrigatoriedade dos contratos por escrito deberá ir acompañada de medidas efectivas que equilibren o poder de negociación entre produtores lácteos e primeiros compradores.”
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

14.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover no prazo dun mes a constitución da Comisión de expertos en relación coa prevención e defensa contra os incendios forestais, de acordo co ditame aprobado na Cámara galega, de xeito que as súas recomendacións poidan ser postas en marcha na campaña contraincendios do ano 2019, e ao mesmo tempo demandar que no actual período de sesións se proceda a enviar á Cámara galega o Plan forestal de Galicia.”
Aprobada por 54 votos a favor, 5 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

15.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
Con carácter urxente e en colaboración coas diferentes administracións competentes, planificar e iniciar o proceso de limpeza e remediación das zonas afectadas polos residuos de lindano, adoptando as medidas necesarias para a protección e prevención da saúde pública; establecer normas de ampliación ante a nova aparición de vertidos e dispor dun protocolo de control sanitario da poboación afectada ou potencialmente afectada pola exposición ao lindano.”
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. de En Marea).

16.ª  Resolución
“Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a priorizar a política cultural na nova consellería abrindo un verdadeiro proceso participativo, transparente, no que se dialogue con todos os axentes dos sectores e industrias culturais para a elaboración da enunciada estratexia da cultura galega.”
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. de En Marea).

17.ª  Resolución
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a tramitar definitivamente a aprobación das Directrices da Paisaxe de xeito inmediato.”
Aprobada por unanimidade de 73 deputados e deputadas.
(Proposta de resolución núm. 38 do G.P. de En Marea).

18.ª  Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a desenvolver un plan estratéxico de hospitalización a domicilio, unha estratexia para os pacientes crónicos e un rexistro para as enfermidades raras ao tempo que continúa a mellora e ampliación das infraestruturas sanitarias, en particular co impulso dun novo Hospital Público da Coruña, coa total renovación do actual e unha ampliación da súa superficie total dun 50 %, coa previa posta á disposición dos terreos por parte do Concello”.
Aprobada por 40 votos a favor, 28 en contra e 5 abstencións
(Proposta de resolución núm. 7, do G.P. Popular de Galicia).

19.ª Resolución
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a manter o programa de inspección de pontes e outras obras de paso para o seu correcto mantemento ampliándoo aos noiros das estradas revisando a súa estabilidade. No mesmo sentido, solicitará ao resto de administracións titulares de estradas en Galicia que activen programas equivalentes.”
Aprobada por 59 votos a favor, 14 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 28, do G.P. Popular de Galicia).

20.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a consensuar e coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa Administración xeral do Estado as actuacións encamiñadas a facilitar ás familias de vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares.”
Aprobada por 40 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións
(Proposta de resolución núm. 34, do G.P. Popular de Galicia).

21.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a manter o nivel de calidade asistencial na poboación asignada a Povisa e protexer os postos de traballo existentes no marco das obrigas pactadas no convenio asinado entre o Sergas e o hospital.”
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 5 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).

22.ª Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a seguir traballando ante o novo Goberno central para conseguir a transferencia da titularidade da AP-9 para a Comunidade Autónoma garantindo o mantemento dos actuais compromisos na gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala e a execución, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, das obras comprometidas na autoestrada: as ampliacións na área metropolitana da Coruña (Alfonso Molina e vial 18), o enlace orbital en Santiago, a remodelación do nó de Bombeiros en Pontevedra e a integración urbana na avenida de Bos Aires en Vigo. En canto non se acada este obxectivo, a demandar a continuidade da Comisión sobre a AP-9 creada entre Xunta e Ministerio de Fomento en febreiro do ano pasado como marco estable no que abordar os asuntos de interese para a Comunidade, exixindo a supresión da peaxe de Redondela e as obras de compensación comprometidas para Chapela.”
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 5 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 3  do G.P. Popular de Galicia).

23.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar as políticas de prevención no eido da saúde pública cunha reforma da Lei sobre consumo de alcohol en menores e coa posta en marcha dun programa galego de detección precoz do cancro de cérvix uterino.”
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 5 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia).

24.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar a política de atención ás persoas maiores e dependentes a través da licitación no primeiro trimestre de 2019 das sete residencias nas grandes cidades galegas, a ampliación do Bono Autonomía en residencia ata chegar ao 100 % das solicitudes e continuar incrementando o número de horas do Sistema de Axuda no Fogar, ao tempo que reitera a súa demanda ante o Goberno central para que achegue a porcentaxe de fondos que lle corresponden no financiamento do sistema de atención á dependencia”.
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 5 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia).

25.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento para que, ao tempo que avanza no cumprimento do compromiso de que o AVE que conectará Galicia con Madrid estea funcionando en probas no ano 2019, continúe coa tramitación das melloras das conexións ferroviarias internas: Ourense-Lugo, saída sur de Vigo-conexión con Portugal, Ourense-Vigo, Variante de Ourense, A Coruña-Ferrol e Ferrol-Ribadeo”.
Aprobada por 54 votos a favor, 14 en contra e 5 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).

26.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover a conciliación e corresponsabilidade, tanto no sector público, tomando as medidas oportunas para continuar avanzando no aumento do número empregados e empregadas públicas acollidos á flexibilidade horaria e ao teletraballo e adoptando novos criterios que fagan máis accesible a conciliación, como no sector privado, apoiando economicamente as empresas que implanten plans de igualdade, conciliación e corresponsabilidade e promovendo nelas a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”.
Aprobada por 40 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia).
 
27.ª Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a elaborar e acordar coas entidades locais e a Administración xeral do Estado unha estratexia de actuación para garantir o abastecemento de auga á poboación en calidade e suficiente cantidade, incluso en períodos de seca e outras situacións excepcionais. En particular, pola especial importancia e vulnerabilidade do sistema de abastecemento da área de Vigo, ínstase, en consecuencia, a Xunta de Galicia a solicitar perante do Goberno de España a declaración deste sistema de abastecemento como de interese xeral do Estado en Galicia”.
Aprobada por 40 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 14  do G.P. Popular de Galicia).

28.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear unha xanela única para realizar simultaneamente no tempo, dentro do posible, as convocatorias das liñas de axudas en materia de rehabilitación co obxectivo de lles facilitar aos cidadáns o acceso a elas”.
Aprobada por 40 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).

29.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado que impulse a aprobación de normativa básica reguladora da actividade dos grupos de interese e da protección das persoas denunciantes de corrupción”.
Aprobada por 40 votos a favor, 14 en contra e 19 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 38  do G.P. Popular de Galicia).

30.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a poñer en marcha un programa de segunda oportunidade para a mocidade que non estuda nin traballa, para que o abandono escolar non lle peche as portas do mercado laboral”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia).

31.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a seguir as recomendacións recollidas no Ditame da comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal de Galicia, dando cumprimento de xeito inmediato ás recomendacións número 23 (reforzando a multifuncionalidade do noso monte mediante o plan de actuacións de mellora das zonas de pastoreo extensivo en terreos forestais); 45 (intensificando a cooperación cos concellos para deseñar os plans das franxas secundarias de xestión de biomasa); 71 (desenvolvendo novos mecanismos de mobilización de terras produtivas de Galicia, tanto mediante arrendamentos ou cesións de usos como transmisións da titularidade das terras así como mellorando o coñecemento da propiedade rústica de Galicia, establecendo convenios cos organismos dependentes da Administración do Estado con competencias na materia) e 103 (implantando unha rede de vixilancia forestal como desenvolvemento das últimas tecnoloxías na extinción de incendios).”
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).

32.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar a preparación do Xacobeo 2021, estimulando a creación de emprego de calidade, promovendo a renovación dos equipamentos de hostalaría e deseñando programas que fagan partícipe a toda a sociedade para que a repercusión de todas as medidas chegue aos diferentes sectores produtivos e ás disciplinas artísticas, fortalecendo a marca do país e fomentando a súa proxección internacional. Neste sentido, ínstase a Xunta a recadar a participación e as achegas dos grupos parlamentarios”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia).

33.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a apostar pola sustentabilidade ambiental coa elaboración dun proxecto de lei de residuos e dunha estratexia de redución dos residuos plásticos así como coa rebaixa nun 10 % do canon de Sogama para aqueles municipios que certifiquen maior compromiso coa redución e separación dos residuos e sempre e cando repercuta esa redución no recibo que pagan os veciños”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia).

34.ª  Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para dotar dunha posición relevante tanto o produtor local como as economías rurais, favorecendo a existencia e permanencia de canles curtas e mercados locais específicos para a produción de proximidade e que permitan o control do produtor sobre o seu produto”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).

35.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver unha liña de acción en materia de comercialización e valorización dos produtos do mar que dea continuidade e relanzamento ás medidas xa implementadas, de forma que se poida afianzar a competitividade e sustentatibilidade da nosa estrutura produtiva da cadea mar-industria. En particular, e para o período 2018-2020, promoverase esta liña mediante accións de apoio á transformación e comercialización entre as que se conterán, entre outras, unha campaña de consumo de produtos do mar entre os máis novos, unha promoción da dixitalización das vendas e o impulso, logo do previo acordo co sector, do Plan estratéxico do conxelado”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).

36.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Xustiza para que proceda á programación e creación de novas unidades xudiciais que permitan no 2019 poñer en marcha en Galicia os novos xulgados que de xeito consensuado propoña a Comisión Mixta Xunta-Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en atención ao binomio de necesidades obxectivas e estruturais de carga de traballo e o número de unidades asignadas á Comunidade Autónoma”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).

37.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar no seu compromiso coa revitalización demográfica adoptando medidas como a elaboración dun proxecto de lei de impulso demográfico, a creación dunha oficina integral de asesoramento e seguimento ao retornado e solicitando ao Goberno de España que tome as medidas necesarias para reducir os trámites e axilizar a concesión dos permisos de residencia e traballos dos cónxuxes e descendentes, sen nacionalidade española, dos galegos retornados, favorecendo a súa integración familiar e persoal”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. Popular de Galicia).

38.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar na redefinición da relación porto-vila/porto-cidade co impulso dos labores do grupo de traballo creado coa FEGAMP e destinando os mesmos a avanzar no uso dos espazos de continuidade entre os portos e as vilas onde se asentan, de cara a favorecer a súa integración e aproveitamento para o tecido urbano, así como a dar un novo pulo aos plans de delimitación de espazos e usos portuarios”.
Aprobada por 54 votos a favor, 19 en contra e ningunha abstención.
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia).

39.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar defendendo unha política de rebaixas fiscais selectivas que sitúe Galicia no grupo de comunidades autónomas cos impostos máis baixos”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).

40.ª  Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a proseguir nas políticas de reforzo e de estabilidade do sistema educativo galego apostando pola convivencia, a atención á diversidade, a excelencia e a igualdade; polo ensino de linguas estranxeiras; pola consolidación do uso real das novas tecnoloxías e polo desenvolvemento de competencias STEM por parte do alumnado; ao tempo que se reivindica o modelo galego como útil para o resto das comunidades autónomas e se apela por recuperar a negociación dun Pacto de estado pola educación”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia).

41.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a desenvolver e potenciar as ensinanzas de FP co reto de ofrecer uns ciclos modernos e innovadores, que respondan de xeito máis acaído ás necesidades socio-laborais da Comunidade Autónoma de Galicia; afondando no desenvolvemento do Campus FP como centro de referencia”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).

42.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a comezar a deseñar o proxecto Legado Artístico de Galicia, co obxectivo de lograr a máxima protección, conservación e dispoñibilidade da obra e arquivo dos artistas galegos, tanto históricos coma contemporáneos, que desexen formar parte do acervo en custodia pública a través dalgunha das modalidades dispoñibles”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).

43.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe mellorando as condicións de traballo dos empregados públicos e, nesta liña, implante na Administración galega un sistema de carreira profesional que permita ao funcionariado autonómico progresar de maneira individualizada ao longo da súa vida profesional como recoñecemento aos seus coñecementos, formación, experiencia, implicación e compromiso cos servizos públicos.”
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).

44.ª Resolución
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a desenvolver, no eido do persoal sanitario, as ofertas públicas de emprego anuais e a carreira profesional ao tempo que toma medidas para implantar contratos máis estables para pediatras e médicos de familia”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia).

45.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a afondar no diálogo social para mellorar a calidade do emprego, en particular reforzando a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública, o impulso das políticas activas de emprego e novas medidas para a inserción laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social no sector empresarial de Galicia”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).

46.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a manter unha política de rigor e solvencia orzamentaria e financeira, utilizando os mecanismos de teito de gasto e regra de gasto para avanzar na redución do nivel de endebedamento”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).

47.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar, xunto coas universidades galegas, unha estratexia de fomento dos graos duais, coa pretensión de mellorar a rápida integración no mercado laboral dos egresados universitarios e afrontar a posta en marcha, a modo de recoñecemento ao esforzo, mérito e superación, da denominada Bolsa Concepción Arenal á excelencia”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).

48.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a planificar diversas medidas e actividades que propicien a creación de actitudes positivas cara á lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da sociedade galega, en especial entre a mocidade; impulsando a transmisión do galego aos fillos a través das Escolas de Nais e Pais e buscando o recoñecemento daquelas iniciativas dixitais que se publiquen integramente en galego ”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).

49.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que, unha vez que equiparou a tributación sobre os carburantes da automoción no conxunto das comunidades autónomas, non incremente a fiscalidade do diésel, tendo en conta o especial impacto negativo que a medida anunciada tería entre a sociedade galega, xa que o 85 por cento do combustible de automoción que se consome na comunidade é deste tipo, así como entre a industria de automoción, que xera o 12 por cento do emprego industrial existente e unha facturación que se achega aos 8.700 millóns de euros”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. Popular de Galicia).

50.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar dos concellos que adopten as medidas necesarias para queden exentos do pagamento do imposto sobre bens inmobles os centros sanitarios de titularidade pública e bonificada ao 95 % o pagamento dos centros de investigación de organismos públicos e os de ensinanza universitaria, así como dos inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorreren circunstancias sociais, culturais, histórico- artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Popular de Galicia).

51.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia condena o abuso das prerrogativas parlamentarias da inviolabilidade e inmunidade por calquera dos membros da Cámara, e insta todos os deputados e deputadas a facer unha utilización prudente delas, en atención á súa condición de garantía da actividade parlamentaria, e nunca dende unha concepción de privilexio persoal”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia).

52.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a seguir promovendo, en colaboración coa FEGAMP, o cumprimento da Lei 10/2017, do 19 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, por parte dos concellos, dadas as responsabilidades que ostentan na garantía da seguridade dos espectáculos públicos, co obxectivo de minimizar a incidencia de accidentes como o acontecido no festival do Marisquiño en Vigo”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).

53.ª Resolución
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a impulsar a cultura galega nas súas distintas manifestacións e a través da colaboración cos distintos sectores e industrias culturais para propiciar que chegue a todos os cidadáns e a todo o territorio galego; ao tempo que se completa o proxecto da Cidade da Cultura de Galicia como referente cultural, tecnolóxico e emprendedor, ademais de como espazo natural, arquitectónico e paisaxístico para os cidadáns e visitantes”.
Aprobada por 40 votos a favor, 19 en contra e 14 abstencións.
(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia).

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018
 
 
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina