saltar ao contido

Santalices reivindica o idioma galego como vía de acceso á lusofonía integrada por 250 millóns de persoas

 
 
• O presidente do Parlamento de Galicia participa en Lisboa, coa súa homóloga dos Azores, na inauguración de dúas exposicións que procuran avanzar no irmandamento con Portugal e o achegamento á lusofonía
 
• Lembra que a lei galega para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía “obriga” aos poderes públicos a promover o coñecemento do portugués e das culturas lusófonas para afondar nos vínculos entre os dous territorios
 
Santiago, 19 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou esta tarde en Lisboa as oportunidades económicas e de outro tipo que, para a sociedade galega, encerra o bilingüismo. “Para Galicia, con dous idiomas oficiais –castelán e galego-, o bilingüismo constitúe unha oportunidade que queremos aproveitar, na medida en que nos abre as portas dunha inmensa comunidade: a dos países e comunidades de fala castelán (500 millóns de falantes) e as da lusofonía”, integrada por 250 millóns de persoas.
 
Dúas exposicións
 
Santalices Vieira participou esta tarde en Lisboa, canda a súa homóloga das Asemblea Lexislativa dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís, na inauguración de dúas exposicións: a mostra “56 páxinas das nosas letras”, promovida polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e da Real Academia Galega, para dar a coñecer as e os escritores galegos homenaxeados no Día das Letras Galegas, que quedou aberta ao público na sede da Casa dos Azores en Lisboa; e a exposición fotográfica “Azores, Silencio e Ser”, instalada no Centro Galego de Lisboa.
 
Mandato legal
 
O presidente do Lexislativo galego recordou as “intensas e seculares relacións fraternais entre Galicia e Portugal” e apuntou que coa delegación cultural da que forma parte pretende contribuír a “dar cumprimento ao mandato legal contemplado na Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, xurdida dunha iniciativa popular e aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2014. A norma “obriga” aos poderes públicos a promover o coñecemento da lingua portuguesa e a impulsar as relacións de todo tipo cos países de lingua oficial portuguesa, dada a intercomprensibilidade dos idiomas galego e portugués.
 
A xuízo de Santalices, o potencial da lusofonía é unha “realidade obxectiva, apuntalada no previsible declive do inglés como lingua franca, polo menos nas institucións europeas. Unha oportunidade que non podemos nin debemos perder de vista”.
 
O presidente do Parlamento tivo tamén un “recordo agarimoso e agradecido” para os emigrantes galegos que desde hai séculos se estableceron en Portugal, e que xa o Padre Sarmiento cifraba en 45.000 persoas a mediados do século XVIII.
 
Civilización ibérica
 
Santalices considerou que “ninguén mellor” que as escritoras e escritores protagonistas da exposición “56 páxinas das nosas letras” para “encabezar esta embaixada cultural que aspira a continuar edificando desde a cordialidade, o respecto mutuo e a man tendida, a civilización ibérica arelada polo gran Fernando Pessoa e por tantos outros homes de letras”.
 
Ademais do presidente do Parlamento, integran a delegación galega o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o catedrático Ramón Villares, en representación do Consello da Cultura  Galega e da Real Academia Galega.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina