saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 5 de decembro de 2018

4.1 37093 (10/PNP-002780)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Rodríguez, Raquel e 9 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para a modificación da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, no que atinxe aos artigos referidos ao exercicio do voto polos españois residentes no exterior
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 362, do 26.09.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno do Estado e aos grupos políticos presentes no Congreso dos Deputados, e no marco dos traballos que está a rematar a Subcomisión para a Reforma Electoral creada no seo da Comisión Constitucional que modifique, con carácter de urxencia, a Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, nos artigos referidos ó exercicio do voto polos españois residentes no exterior, para que poidan exercer o seu dereito a voto coas mesmas garantías que os residentes no territorio español, eliminando a solicitude (rogo) do voto, combinando todas as posibilidades de participación electoral que sexan posibles e simplificando o procedemento en beneficio da eficiencia e a axilidade”.
 
4.2 37208 (10/PNP-002783)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Álvarez Martínez, Luis Manuel e Pierres López, María Luisa
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación cos servizos de "transporte á demanda" que se están a prestar nas zonas rurais máis desatendidas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 362, do 26.09.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a potenciar os servizos de transporte a demanda, dentro da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia, co obxecto de garantir a mellora da mobilidade das persoas nas zonas rurais máis desatendidas”.
 
4.5 39526 (10/PNP-002945)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central do asinamento da orde de construción das cinco fragatas F-110 da Armada Española no estaleiro de Navantia, na comarca de Ferrol, así como a garantía dos investimentos tecnolóxicos e das infraestruturas necesarias para promover a conversión desa factoría nun estaleiro 4.0
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 380, do 06.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O  Parlamento  de  Galicia  insta  á  Xunta  de  Galicia  a  que  requira  do  Goberno  de  España: 
 
1)   A  firma,  dentro  deste  ano,  da  orde  de  execución  das  fragatas  F-110,  un  encargo imprescindible para a creación de máis de 7.000 empregos.
 
2)   Garantir os investimentos tecnolóxicos e as infraestruturas que son necesarias para promover a conversión da factoría de Navantia nun Estaleiro 4.0”.
 
4.6 40088 (10/PNP-003000)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas vítimas do franquismo soterradas en fosas comúns en Galicia, así como con aquelas iniciativas promovidas polo Goberno central ou por comunidades autónomas nas que existan persoas galegas desaparecidas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 386, do 21.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta ao Goberno galego a elaborar    e    aprobar,    coa    participación    das    entidades    locais, universidades   e   asociacións   de   memoria   histórica,   un   Plan   plurianual   de investigación,   localización,   exhumación   e   identificación   das   vítimas   do franquismo  que  están  soterradas  en  foxas  comúns  en  Galicia.  O  procedemento para    a    localización    basearase    na    investigación    por    parte    dun    equipo multidisciplinar  que  teña  en  conta  as  fontes  orais,    as  probas  documentais  e  a relación   de   indicios   que   a   xustifiquen.   Os   traballos   de   exhumación   e identificación realizaranse por equipos profesionais, con financiamento público e de  conformidade  cos  protocolos  establecidos. O obxectivo  último  do  plan  debe ser   a   entrega   dos   restos   ás   familias   e   o   desenvolvemento   de   actos   de enterramento digno”.
 
4.7 40278 (10/PNP-003026)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana Belén e 5 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto das intencións do Goberno central referidas á implantación de peaxes nas autovías
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 386, do 21.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia:
 
Amosa a súa rotunda oposición á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías, por consideralo unha medida regresiva, que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias,  pon  en  risco  a  seguridade  viaria  e  que  supón  un  atranco  o  desenvolvemento económico é a cohesión social en Galicia”.
 
4.8 40356 (10/PNP-003031)
Grupo Parlamentario de En Marea
Santos Queiruga, Carmen
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co actual esquema retributivo dos responsables públicos de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 386, do 21.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:

“ O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Realizar  un  estudo  no  que  se  analice  o  actual  esquema  retributivo  dos responsables públicos galegos. 
 
2. Realizar  unha  proposta  que  amose  un  compromiso  real  para  establecer  unha política retributiva máis transparente e coherente co fin de reducir o gasto total en soldos públicos. 
 
3. Incluír nos cadros de persoal que forman parte da información dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia o número, categorías e retribucións de persoal eventual e de Gabinete”.
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina