4.2 41431 (10/PNP-003132)
Grupo Parlamentario de En Marea
Sánchez García, Antón e Cal Ogando, Marcos
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central relativa á defensa da inclusión da conexión Vigo-Oporto no Corredor Atlántico, dentro do Proceso de reforma dos regulamentos UE 1315/2013 e 1316/2013 do Parlamento e do Consello Europeo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 397, do 13.12.2018
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que inste ao Goberno español á defensa da inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico dentro do proceso de reforma regulamentaria dos Regulamentos UE 1315/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro de 2013 sobre as orientacións da Unión para o desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transporte, e 1316/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro de 2013 polo que se crea o Mecanismo `Conectar Europa´”.
4.6 44345 (10/PNP-003308)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 19 máis
Sobre o posicionamento do Parlamento de Galicia respecto ao Proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para o 2019
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 423, do 31.01.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda:
1. Manifestar o rexeitamento do Parlamento de Galicia ao proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 presentado polo Goberno de España, por ser uns orzamentos irreais e absolutamente discriminatorios para Galicia.
2. Solicitar da Xunta de Galicia que se dirixa aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado para solicitarlles a modificación destes Orzamentos Xerais do Estado para 2019 de tal xeito que, cando menos, se manteña o nivel de investimento para Galicia recollido na Lei de Presupostos Xerais do Estado de 2018 e se inclúan as partidas suficientes para iniciar, continuar ou rematar as obras en ferrocarrís, autovías, estradas e outros proxectos comprometidos e orzamentados polo anterior Goberno do Estado.
3. Dar traslado destes acordos ao Goberno, aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, do Senado e do Parlamento de Galicia, así como á Xunta de Galicia”.
4.8 44787 (10/PNP-003348)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Feijóo, Alberto e 40 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación coa situación de Venezuela.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 423, do 31.01.2019
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda declarar a súa solidariedade e o seu apoio ao pobo de Venezuela, co que temos tantos vínculos familiares, e ás súas institucións lexitimamente constituídas, nos seguintes termos:
1. Que é necesario que se tomen medidas para actuar de forma urxente ante a situación de emerxencia humanitaria que vive o pais por estes anos de sometemento a un réxime socialista bolivariano que só trouxo pobreza, falta de alimentos e medicinas e unha violencia extrema que xera unha inseguridade permanente con risco cotián para o dereito fundamental á vida.
2. Que apoia á Asemblea Nacional lexítima democraticamente elixida polo pobo venezolano.
3. Que apoia ao Presidente da Asemblea tamén lexítimo e elixido democraticamente.
4. Que en Venezuela debe iniciarse un proceso de normalización democrática, dando paso a unhas eleccións libres con todas as garantías que exixe a comunidade internacional, que poña fin a este proceso de réxime autoritario que conculca de xeito cotián os dereitos individuais, sociais e políticos dos cidadáns venezolanos; e que dito proceso debe facerse de acordo co que estableza a Asemblea Nacional e o seu Presidente como representantes lexítimos do pobo venezolano.
5. Que Galicia asume o compromiso, como fixo ata agora, de axudar aos galegos de Venezuela para saír desta difícil situación na que se encontran e avanzar cara o camiño da prosperidade e do benestar, como achega á recuperación do conxunto do pobo venezolano”.